Reavívase o conflito docente cos “martes en loita” e peches rotatorios nos centros

O conflito laboral do profesorado galego coa Consellería de Educación entra nunha nova fase coa convocatoria dos chamados “martes en loita” e con peches rotatorios en centros educativos de todo o país, promovidos pola CIG-Ensino e polo STEG. As accións desenvolveranse até o Entroido co obxectivo de visibilizar as reivindicacións do profesorado e manter a presión fronte á Administración.
Tras o enterro simbólico do ensino público galego realizado en Compostela a finais do primeiro trimestre, os sindicatos convocantes apostan agora por “resucitar” o conflito tamén de maneira simbólica. Segundo explican, preténdese trasladar á sociedade —especialmente ao alumnado e ás familias— que aínda é posíbel reverter a situación do ensino público se se manteñen unidas as demandas e a mobilización.
A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, criticou a actitude do conselleiro de Educación, ao que acusa de responder ás mobilizacións con “propaganda nas redes sociais e visitas sen contido real”, lembrando tamén unhas declaracións realizadas nun centro de Caldas de Reis nas que, segundo o sindicato, faltou ao respecto ao profesorado ao afirmar que “traballa pouco”.
Malia todo, desde a organización sindical chaman a non resignarse e a manter o espírito das mobilizacións baixo o lema Rectificar, Recuperar, Recoñecer, esixindo a recuperación de dereitos perdidos, a rectificación das políticas de recortes e un recoñecemento efectivo do labor docente.
Peches rotatorios abertos á comunidade educativa
Entre as medidas anunciadas destacan os peches rotatorios nos propios centros de ensino, que se celebrarán os martes, mércores e xoves das dúas vindeiras semanas en localidades como A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense, Vilagarcía, Monforte, Viveiro, Lalín, Cangas ou Ponteareas, entre outras.
Os peches comezarán a partir de media tarde para facilitar a participación do maior número de persoas posíbel e incluirán asembleas abertas, elaboración de material reivindicativo e debates sobre futuras accións. Ao día seguinte realizaranse accións informativas á entrada das aulas para trasladar as demandas á comunidade educativa.
“Martes en loita” até o Entroido
Outra das iniciativas centrais será a convocatoria dos “martes en loita”, nos que se anima ao profesorado a acudir aos centros vestido de negro, realizar concentracións con mensaxes reivindicativas e explicar nas titorías ao alumnado e ás familias as problemáticas que afectan directamente á calidade educativa. A proposta inclúe tamén trasladar esta simboloxía fóra dos centros para incrementar a visibilidade social.
Estas accións manteranse até o Entroido, tendo un carácter especial o martes previo a este período festivo, no que se prevé unha xornada especialmente reivindicativa coincidindo coas dinámicas propias do Entroido nos centros educativos.
Desde a CIG-Ensino non descartan novas convocatorias de folga nos próximos meses e consideran estas mobilizacións un ultimato á Consellaría para que sente a negociar coa representación sindical maioritaria do profesorado galego.