Reclaman á Xunta unha revisión do protocolo de alertas meteorolóxicas con diálogo coas federacións deportivas

A deputada socialista Paloma Castro reclamoulle hoxe á Xunta unha revisión do seu protocolo de actuación ante alertas meteorolóxicas respecto das actividades deportivas. Castro acusou ao Goberno de Rueda de impulsar a norma “con improvisación e falta de diálogo, sen consensuar co sector”, de xeito que se está a obstaculizar a práctica de disciplinas nas que Galicia “é referente”. Sinalou, en especial, actividades como a vela, o piragüismo e o surf, e reclamou “empatía” coas persoas que as practican, “que non é incompatible con establecer mecanismos de seguridade en caso de fenómenos meteorolóxicos adversos”.
A parlamentaria do PSdeG sinalou que a actualización dos protocolos ante alertas, realizada “ás presas e correndo” en 2025, prevé dun xeito automático a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade con alerta vermella e nalgúns casos de alerta laranxa. Para Paloma Castro, esas restricións só obedecen a “un intento de distanciarse da irresponsabilidade do Goberno valenciano durante a DINA”, xa que se impulsaron “sen un estudo técnico detido nin unha avaliación dos efectos prexudiciais para determinadas disciplinas e modalidades”. Criticou, ademais, que naquel momento Rueda “xa viña de darlle as costas ás federacións coa modificación da Lei do Deporte”.
Paloma Castro advertiu que este sistema “automático” pode dar lugar “a cancelacións innecesarias, pero tamén á ausencia de alerta formal pese á existencia de risco”. A iso engadiu que o sistema das federacións “xa dispón de procedementos operativos en tempo real que permiten adaptar, resituar, aprazar ou cancelar actividades segundo as condicións do momento”. Por enriba, a aplicación do protocolo exclusivamente ao deporte federado provoca “unha diferenza de trato” respecto da práctica non federada das mesmas actividades.
“O PP leva meses tomándolle o pelo a todos os galegos e galegas que practican deportes náuticos e ás súas federacións”, asegurou a deputada do PSdeG, que insistiu en que a Xunta decidiu a norma “nun despacho e de costas a eles, algo que non se pode repetir”.
Para corrixilo, Castro reclamou, como primeira medida, que se constitúa “de inmediato” unha mesa técnica permanente na que, ademais da Dirección Xeral de Emerxencias, a Secretaría Xeral para o Deporte, Meteogalicia e a Aemet, participe a Unión de Federacións Deportivas Galegas, co obxectivo de aprobar antes de que remate o verán unha revisión do protocolo.
Demandou tamén que se incorporen ao novo protocolo unha serie de medidas “de mellora”, como que a alerta meteorolóxica sirva de información para a toma de decisións, non para ordenar “unha prohibición automática”. Tamén que se estableza “un semáforo operativo” de acordo co tipo de fenómeno meteorolóxico e o ámbito da práctica deportiva en concreto, que se recoñeza o mando técnico dos delegados de seguridade e do Comité de Competición, unha gradación das medidas “con cláusula específica para actividades con menores” e requirir a todas as federacións a remisión e actualización anual dos seus protocolos internos de seguridade para seren incorporados ao protocolo común.
Por último, esixiu a coordinación das medidas co réxime xeral de protección civil, a mellora dos mecanismos de comunicación e a implantación dunha avaliación anual do protocolo, con datos de incidencias, suspensións e impacto, coa participación das federacións.