Recuperados e reubicados preto de 500 peixes no río dos Gafos en Pontevedra

A asociación ecoloxista Vaipolorío alertou este luns, 17 de agosto, da mortaldade de peixes que se estaba producindo en distintos tramos do río dos Gafos debido á escaseza de auga.
Tras detectar a situación, o colectivo trasladou a alerta á Xefatura Territorial de Medio Ambiente de Pontevedra para solicitar unha reubicación provisional dos exemplares vivos co obxectivo de garantir a súa supervivencia.
Este martes, axentes ambientais deste departamento autonómico desprazáronse ata o río para realizar a actuación, acompañados por integrantes de Vaipolorío. Os traballos desenvolvéronse no tramo medio-alto do río Toxal, Tomeza e Gafos.
Durante a intervención recuperáronse exemplares de escalo, troita e anguía, que posteriormente foron trasladados a zonas con condicións máis favorables para a súa supervivencia.
Segundo as estimacións realizadas, a actuación permitiu recuperar e reubicar preto de 500 exemplares de peixes afectados pola falta de auga no río.