Rego defende o concerto económico para garantir un financiamento xusto

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou hoxe á vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, a apertura dunha negociación seria para implantar en Galiza un concerto económico que permita garantir un financiamento xusto e acorde coa capacidade fiscal do país. Rego sostivo que o modelo vixente, regulado pola Lei 22/2009, é “inxusto, insuficiente e discriminatorio” e contribúe ao atraso socioeconómico galego.
Durante a súa interpelación, o deputado nacionalista subliñou que Galiza padece un infrafinanciamento estrutural desde hai décadas. Citou o Informe do Consello de Contas de maio de 2024, que cifra este déficit en 1.535 millóns de euros anuais, cunha acumulación de 20.000 millóns entre 2009 e 2021. “Estas perdas teñen un impacto directo na calidade de vida e no benestar da cidadanía galega”, afirmou. “Acabar con este espolio fiscal permanente é a razón que leva o BNG a defender un modelo de concerto”.
Custos territoriais invisíbeis
Rego explicou que a estrutura territorial galega —marcada pola dispersión extrema, o envellecemento e unha extensa rede viaria de titularidade local— multiplica os custos dos servizos públicos. Denunciou que a dispersión só pesa un 0,6 % na poboación axustada, cando condiciona decisivamente o custo de servizos como sanidade, educación, dependencia ou abastecemento.
Galiza representa o 5,8 % do territorio e o 5,6 % da poboación, pero concentra o 50 % dos núcleos de poboación do Estado e o 60 % dos de menos de 100 habitantes. Para Rego, isto evidencia que os criterios do sistema non responden ao custo real dos servizos, senón á correlación política de quen negociou o modelo.
Segundo datos achegados por Rego, en 2022 o Estado recadou en Galiza 15.385 millóns de euros, pero só retornou 10.041 millóns mediante o actual sistema de financiamento, deixando unha diferenza de 5.344 millóns “en favor do Estado”. Engadiu, ademais, que o efecto sede —polo que unhas 4.000 empresas con actividade en Galiza teñen o seu domicilio fiscal noutras comunidades, principalmente Madrid— resta ingresos clave como o Imposto de Sociedades. “Madrid é unha aspiradora de recursos alleos”, criticou.
O BNG defende un concerto económico similar ao vasco, que permitiría a Galiza xestionar e recadar todos os impostos e contribuír mediante unha cota aos servizos comúns do Estado. Rego subliñou que é un sistema “viábel, legal e beneficioso” que permitiría avanzar dun modelo baseado na necesidade a un baseado na capacidade financeira real do país.
“Non pedimos privilexios, pedimos xustiza fiscal para que Galiza poida desenvolver todo o seu potencial”, concluíu Rego.
Por último, acusou o PP de manter unha “posición indigna” ao negarse á quita de 4.010 millóns conseguida polo BNG no Acordo de Investidura. Denunciou que os populares “utilizan a Xunta como ferramenta de confrontación política co Goberno do Estado en vez de defender os intereses de Galiza”.