Resoltas as axudas para o financiamento de proxectos de transformación e comercialización de produtos agrarios

A Xunta reforza así o seu apoio ao desenvolvemento das industrias agroalimentarias, cunha liña á que se destinaron 195 millóns de euros na última década
dineiro-cartos-moedas-orzamento
24 Aug 2026

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Así, a Xunta apoia a 36 novos proxectos, reforzando o seu compromiso co sector primario e pola coa xeración de valor engadido neste eido.

A convocatoria deste ano é a primeira que conta con dúas liñas subvencionables, unha centrada na concesión de achegas que aumenten o valor das producións agrarias, que incrementou o seu orzamento ata os 15 millóns de euros; e outra novidosa para investimentos con obxectivos ambientais, dotada con 7,9 millóns de euros. Neste sentido, as axudas contan cun orzamento total de 23 millóns de euros ata o ano 2028, cando nun inicio estaba previsto investir 19 millóns.

Por unha banda, atópanse os investimentos dirixidos a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro na industria, no procesamento de biomasa agrícola para a produción de enerxía; así como a incorporación de enerxías alternativas na industria agroalimentaria; investimentos en xeral, que permitan mellorar a eficiencia enerxética.

A segunda das liñas é a relativa ao ámbito da transformación e da comercialización de produtos agroalimentarios que busquen, entre outros obxectivos, mellorar o rendemento e desenvolvemento económico das empresas; fomentar os produtos de calidade e potenciar a súa competitividade en novos mercados.

Cómpre lembrar o apoio do Goberno galego neste ámbito, ao que se levan destinado 195 millóns de euros dende o ano 2016 para financiamento de máis de 600 proxectos. A maioría dos beneficiarios destas achegas pertencen ao sector lácteo e cárnico.

Ligazón á resolución:

0.27979898452759