Ribadeo estrea un proxecto pioneiro para facer accesibles as praias ás persoas con mobilidade reducida

O novo servizo de accesibilidade da praia das Bloques incorpora medios materiais e humanos, incluíndo catro profesionais da Cruz Vermella, para garantir unha atención completa durante toda a tempada de baño
Sillas-anfibias-ribadeo-2026
1 Jul 2026

Ribadeo dá un novo paso cara á inclusión co lanzamento de “Ribadeo Accesible”, unha iniciativa pioneira en Galicia que permitirá facilitar o acceso ao areal das Bloques ás persoas con mobilidade reducida, así como a nenos e persoas maiores que ata o de agora atopaban dificultades para gozar deste espazo.

O proxecto foi presentado na propia praia das Bloques coa presenza da conselleira de Política Social, Fabiola García, o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, quen destacaron a importancia da colaboración institucional para facer realidade esta actuación.

Segundo explicou a conselleira, por primeira vez na Mariña unha praia contará cun servizo integral de accesibilidade, o que permitirá que persoas con discapacidade, maiores e familias poidan desfrutar do areal en igualdade de condicións. A actuación conta cun investimento de 15.000 euros por parte da Xunta de Galicia e coa cooperación do Concello de Ribadeo, ademais do apoio da Cruz Vermella, á que se recoñeceu o seu papel esencial no dispositivo.

O alcalde, Dani Vega, puxo en valor o traballo das consellerías implicadas e incidiu en que este proxecto supón abrir as praias a todas as persoas, incluídas aquelas que residen en centros asistenciais e que ata agora non podían achegarse ao mar. Subliñou ademais que o servizo contará con sillas anfibias e persoal especializado que acompañará aos usuarios durante a súa estancia no areal.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, cualificou a iniciativa como un avance significativo en materia de inclusión, destacando o carácter pioneiro do programa e a súa relevancia social.

Desde a Cruz Vermella na Mariña, a súa coordinadora de Asembleas, Sonia Fraga, explicou que se incorporarán catro profesionais contratados pola entidade para prestar asistencia directa no baño e garantir a accesibilidade na praia, un servizo que ata o de agora non se podía ofrecer neste espazo.

0.29246497154236