Ribadumia prohibe temporalmente o baño na praia fluvial de Cabanas por contaminación microbiolóxica

O Concello de Ribadumia informou da prohibición temporal do baño na praia fluvial de Cabanas despois de recibir unha comunicación da Consellería de Sanidade na que se indica que a última mostra de auga analizada presenta unha contaminación microbiolóxica por riba dos límites establecidos para o baño.
A medida foi adoptada con carácter preventivo co obxectivo de garantir a seguridade da veciñanza e das persoas usuarias da praia e permanecerá vixente ata novo aviso.
Segundo informa o Concello, a prohibición manterase ata coñecer os resultados da contraanálise e confirmar que a calidade da auga volve situarse dentro dos parámetros establecidos para o baño.
O Concello de Ribadumia sinala que informará da evolución da situación e comunicará o levantamento da prohibición tan pronto como se confirme que a auga é apta para o baño.