Ricardo García Mira recibirá unha cátedra honoraria nunha universidade de Taiwán

O investigador da UDC participará nunha xira académica por sete institucións de Taiwán e Xapón con conferencias sobre sustentabilidade e rexeneración urbana
Ricardo-García-Mira-investigador-Coruña-en-Taiwán
11 Oct 2026

O investigador do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo García Mira, desenvolverá unha xira académica por seis universidades de Taiwán e unha institución universitaria de Xapón, na que participará en conferencias, seminarios e encontros de cooperación científica.

Un dos principais fitos desta viaxe será a concesión da Cátedra Honoraria "Qing-Jing Hongdao" pola National Tsing Hua University de Taiwán o vindeiro 20 de outubro. A distinción recoñece a súa traxectoria internacional e as súas achegas á investigación sobre sustentabilidade, cambio climático e transformación social e ambiental. O nomeamento permitirá manter a súa vinculación académica con esta institución durante o presente curso.

Entre o 12 e o 17 de outubro, García Mira participará no Programa Internacional de Intercambio Académico 2026 da Facultade de Planificación e Deseño da National Cheng Kung University, en Tainan. O martes 13 impartirá a conferencia maxistral "Urban Renewal with Nature-Based Solutions: An Environmental Psychology Approach", centrada na aplicación da psicoloxía ambiental á rexeneración urbana e ao deseño de cidades máis sustentables.

O xoves 15 ofrecerá tamén un seminario de investigación sobre as transicións cara a estilos de vida sustentables, no que abordará o papel da gobernanza participativa e da creación compartida de coñecemento.

O programa inclúe, ademais, encontros con persoal investigador e responsables académicos, así como visitas técnicas a espazos de rexeneración urbana, comunidades históricas e áreas naturais de Taiwán. A ruta complétase con visitas á National Taiwan University, Ming Chuan University, National Chi Nan University, National Chiayi University e National Tsing Hua University, ademais do Institute of Science Tokyo, en Xapón.

A xira permitirá ampliar os intercambios científicos entre Europa e Asia e reforzar a presenza internacional da investigación desenvolvida pola Universidade da Coruña e o CITEEC en ámbitos como a sustentabilidade, a psicoloxía ambiental e a adaptación aos desafíos climáticos.

0.31080412864685