Romina García Chas é a nova decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

A profesora apostará por un centro compostelá “máis aberto, eficiente e participativo”
romina-garcia-chas-decana-facultade-de-economicas-usc
26 Nov 2026

Romina García Chas foi elixida este mércores 25 nova decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC por 55 votos a favor e 8 en branco. A nova decana pretende “aproveitar a experiencia e o traballo desenvolvido nos últimos anos para seguir avanzando nunha Facultade centrada nas persoas, na que o estudantado, o PDI e o PTXAS teñan un papel activo”. Entre as súas prioridades figuran a mellora da calidade da docencia e da oferta formativa, o apoio ao desenvolvemento académico e profesional do profesorado, o acompañamento e a participación do estudantado e o recoñecemento do papel do PTXAS.

Outro dos eixos fundamentais será fortalecer e dar visibilidade á investigación e “facilitar a transferencia de coñecemento, promovendo ao mesmo tempo unha maior conexión coa contorna”. Neste ámbito, preténdese “estreitar os vínculos co tecido empresarial e institucional, ampliar as oportunidades de prácticas e consolidar a relación coas persoas egresadas”.

A profesora García Chas apostará por unha Facultade “máis aberta, eficiente e participativa, mediante a mellora das infraestruturas e dos servizos, a dixitalización e simplificación da xestión e o reforzo da comunicación interna e externa”. Todo iso desde unha “cultura de calidade e mellora continua e cunha xestión baseada no diálogo, a colaboración e a participación dos diferentes colectivos da comunidade universitaria”.

Romina García Chas é licenciada en Administración e Dirección de Empresas (2006) e en Economía (2007), e doutora pola Universidade de Santiago de Compostela (2012). Foi distinguida co premio extraordinario en ambas as titulacións de grao e tamén no doutoramento. Dende 2008 desenvolve a súa actividade docente na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e, dende 2017, é profesora contratada doutora no departamento de Organización de Empresas e Comercialización. No ámbito da investigación, ten recoñecidos dous tramos de investigación pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNEAI) e as súas principais liñas de investigación están centradas na xestión dos recursos humanos.

Conta cunha ampla experiencia no ámbito da xestión universitaria. Durante os últimos oito anos foi vicedecana de Calidade e Innovación Docente da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, participando activamente no desenvolvemento e consolidación do Sistema de Garantía de Calidade e na mellora dos procesos de xestión. Ademais, forma parte do panel de avaliadores da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Cataluña (AQU).

0.37332701683044