Rosario Flores actuará no Palacio da Ópera da Coruña coa súa xira 'Universo de Ley'

Rosario Flores volverá a pisar os escenarios da Coruña o vindeiro 13 de decembro para ofrecer un concerto moi especial no Palacio da Ópera. A artista trae á cidade herculina a súa xira 'Universo de Ley', que comparte nome co seu último traballo discográfico e que recolle máis de trinta anos de traxectoria musical.
A cita forma parte da programación cultural promovida polo Concello, que aposta por traer á cidade espectáculos musicais de alto nivel durante todo o ano. “O Goberno de Inés Rey aposta por ofrecer todos os meses do ano actuacións musicais de máxima calidade nos diferentes espazos municipais, consolidando a posición de A Coruña como gran polo cultural de Galicia”, destacou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Rosario Flores, cun estilo inconfundible que mestura flamenco, pop e ritmos latinos, é unha das voces máis recoñecidas da música española. Ao longo da súa carreira publicou máis dunha ducia de discos e foi recoñecida con importantes galardóns, como tres Grammys Latinos, doce Discos de Platino, tres Premios Ondas e a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. A súa presenza nos escenarios, sempre cargada de forza e sentimento, fixo dela unha das artistas máis queridas polo público.
O novo álbum que agora presenta nesta xira é unha homenaxe aos seus comezos musicais, con novas versións dos seus primeiros éxitos gravadas en colaboración con grandes figuras da música hispana. O espectáculo incluirá temas emblemáticos como Sabor, sabor, Como quieres que te quiera, Qué bonito ou No dudaría, nun formato que xa triunfou noutras cidades esgotando entradas.