Rueda alerta dunha situación “moi complicada” polo aumento de lumes en agosto

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que este mes se están extinguindo uns 30 lumes diarios, con 250 máis que no mesmo período de 2024, e fixo un chamamento á prudencia ante as altas temperaturas previstas.
Rueda
14 Aug 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o Centro de Coordinación Central de Defensa contra os Incendios Forestais en Santiago de Compostela, onde advertiu da gravidade da situación que se vive este mes de agosto. Segundo explicou, os servizos da Xunta están a extinguir “arredor de 30 ou 35 lumes diarios”, o que supón “uns 250 máis” que no mesmo período do ano pasado.

Rueda, acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, subliñou “o importante esforzo” que esta situación require e agradeceu “o traballo dos milleiros de profesionais implicados”, así como “a colaboración de todas as administracións e da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que está botando unha man fundamental”.

Tamén puxo en valor “o civismo da poboación afectada” e fixo un chamamento á prudencia e á responsabilidade, lembrando que “nos vindeiros días, especialmente na provincia de Ourense, manteranse temperaturas moi altas” que farán que “a situación siga a ser moi complicada”.

O presidente galego lembrou que moitos dos incendios son provocados e advertiu que “seremos implacables” con quen os prenda, empregando “todos os medios dispoñibles” e poñéndoos “á disposición da Xustiza”.

⚙ Configurar cookies
0.20521903038025