Rueda anuncia 1 millón de euros en axudas para facer os chiringuitos máis sostibles e integrados no litoral galego

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou este martes en Ribeira que o Goberno galego destinará este ano 1 millón de euros en axudas para promover prácticas sostibles nos chiringuitos da costa galega, favorecendo a súa transición cara a modelos máis eficientes, accesibles e integrados no entorno natural.
Rueda participou no acto de entrega de premios e presentación dos proxectos gañadores do concurso de ideas convocado pola Xunta para deseñar un prototipo biosostible de chiringuito, que servirá como modelo de referencia para futuras instalacións. Durante a súa intervención, destacou a necesidade de compatibilizar a actividade económica coa conservación do litoral: “Con respecto, con tradición e tamén con modernidade, hai que seguir vivindo do e no litoral”.
No acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o presidente subliñou que estas actuacións se enmarcan no novo modelo de xestión que impulsa a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga).
Neste sentido, puxo en valor o feito de que desde o pasado 1 de xullo Galicia exerce a xestión e ordenación plena do seu litoral, unha competencia que permite adaptar mellor as decisións ás singularidades da costa galega. Ademais, lembrou que para a tempada 2026 os chiringuitos poderán operar de maneira opcional desde Semana Santa ata o 31 de outubro.
As novas axudas
A nova convocatoria, que se publicará a finais deste mes de xaneiro, permitirá financiar actuacións relacionadas co uso de materiais sostibles e de baixo impacto ambiental, a correcta xestión de residuos, o aforro de auga e enerxía e a mellora da accesibilidade universal.
As axudas poderán cubrir ata o 50% do investimento subvencionable, cunha inversión mínima de 1.500 euros e unha contía máxima de 10.000 euros por proxecto. No caso de adaptación integral aos prototipos biosostibles premiados no concurso, a subvención poderá chegar ata o 70%, cun máximo de 20.000 euros.
O presidente da Xunta destacou que estas medidas buscan avanzar cara a un modelo de chiringuito que respecte a diversidade do litoral galego e reforce o valor paisaxístico de cada localización, consolidando un equilibrio entre actividade económica e protección ambiental.