Rueda anuncia 270 millóns para paliar os efectos da guerra en Oriente Medio en Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou no Parlamento de Galicia que o Goberno galego destinará un total de 270 millóns de euros para paliar os efectos do conflito en Oriente Medio na comunidade.
Durante a sesión de control, o titular do Executivo explicou que esta cifra inclúe un novo plan autonómico de máis de 150 millóns de euros, que será aprobado no vindeiro Consello da Xunta, e que se sumará aos máis de 120 millóns que Galicia deberá asumir para financiar as medidas impulsadas polo Goberno central.
Plan de apoio aos sectores afectados
Segundo avanzou Rueda, o plan incluirá medidas destinadas a apoiar aos sectores máis afectados pola situación internacional.
Entre as actuacións previstas destacan:
Facilitar liquidez ás empresas con relacións comerciais en Oriente Medio
Resolver solicitudes nun prazo máximo de 10 días
Axilizar axudas de inclusión social
Apoiar con rapidez aos sectores agrario e marítimo
O presidente subliñou que Galicia foi “a primeira comunidade autónoma” en analizar os impactos da crise e en manter contacto cos distintos clústeres empresariais.
Galicia, referente en sanidade e vacinación
Durante a súa intervención, Rueda tamén destacou o nivel de satisfacción coa sanidade pública galega, que segundo afirmou está por enriba da media estatal.
Neste ámbito, anunciou que Galicia incorporará unha nova vacina fronte ao meningococo B no calendario de vacinación, que se administrará á poboación adolescente ao cumprir os 12 anos.
O presidente incidiu en que a comunidade seguirá sendo “pioneira” en materia de vacinación infantil a nivel internacional.