Rueda anuncia a chegada do acelerador de protones para o primeiro Centro de Protonterapia público de España

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores no Pleno do Parlamento de Galicia que ao longo desta fin de semana chegará á comunidade o acelerador de protones destinado ao que será o primeiro Centro de Protonterapia público de España. A chegada deste equipamento, para o que xa se están formando arredor de vinte profesionais, supón —segundo destacou— un avance decisivo na modernización tecnolóxica da sanidade pública.
Durante a sesión de control, Rueda subliñou que a aprobación dos Orzamentos da Xunta para 2026, os máis elevados da historia autonómica, permitirá “resolver os problemas das persoas” apoiando as familias, a mocidade no acceso á vivenda, as persoas maiores e dependentes, así como aos concellos galegos.
O presidente sinalou que “a sanidade pública galega, con todo o que hai que seguir mellorando, é excelente”, e avanzou que as novas contas permitirán incrementar o investimento sanitario ata os 5.671 millóns de euros.
En relación coa atención primaria, Rueda destacou que Galicia foi pioneira na oferta de prazas fixas por concurso de méritos, na creación dun sistema específico para prazas de difícil cobertura e na oferta de contratos estables de tres anos ao persoal MIR ao finalizar a formación.
Tamén lembrou que a Xunta continúa incorporando novos servizos: nutricionistas, un reforzo da atención á saúde mental con 21 novos psicólogos clínicos en 2026, e equipamento de última tecnoloxía destinado aos centros de saúde. Todas estas medidas, afirmou, “confirman o compromiso do Goberno galego coa mellora continua da atención primaria”.