Rueda anuncia a posta en marcha esta semana dunha nova edición dos bonos Activa Comercio

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou unha nova edición dos bonos Activa Comercio, dotada con 2,5 millóns de euros e dispoñible desde este mércores
Bono Comercio
4 Nov 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a segunda edición dos bonos Activa Comercio 2025, dotada con 2,5 millóns de euros, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que porá a disposición das persoas consumidoras, desde este mércores 5 de novembro ás 9.00 horas, os bonos desconto de ata 30 euros.

O obxectivo, explicou Rueda, é “permitir descontos nos comercios galegos e mobilizar máis vendas”, impulsando o sector de cara á campaña de Nadal.

O importe súmase aos 2,5 millóns destinados á anterior edición, celebrada en xuño, alcanzando un total de 5 millóns de euros en 2025, que se volverán consignar nos orzamentos de 2026 para consolidar esta acción dinamizadora do comercio local, que leva mobilizados máis de 110 millóns de euros en vendas desde 2021.

Como novidade, os establecementos non terán que inscribirse de novo, xa que mantense a adhesión da primeira edición, co fin de gañar axilidade e facilitar a participación. En todo caso, os comercios que aínda non se sumaran poderán facelo ata o 15 de decembro ou ata que se esgote o crédito da convocatoria.

Con esta nova edición, o Goberno galego prevé “mobilizar un mínimo de 8,5 millóns de euros en vendas” no comercio de proximidade galego.

Funcionamento do programa

Cada bono permitirá un desconto máximo de 30 euros nas compras realizadas nos comercios adheridos, e poderá descargarse a través da web www.bonosactivacomercio.gal
en formato QR dixital.

Os descontos aplicaranse de maneira progresiva:

5 € para compras entre 20 € e 30 €.

10 € para compras entre 30 € e 50 €.

15 € para compras superiores a 50 €.

Cada persoa poderá descargar un único bono, e poderanse usar ata que o importe total dos descontos aplicados acade os 2,5 millóns de euros de orzamento.

Resultados anteriores

Desde o seu inicio en 2021, o programa contribuíu a reactivar as vendas do comercio local, mobilizando máis de 110 millóns de euros no sector minorista galego.

Na última edición, celebrada en xuño de 2025, participaron máis de 6.700 comercios, descargáronse 215.000 bonos e mobilizáronse máis de 11 millóns de euros en compras, con 2,5 millóns de euros achegados pola Xunta.

Apoio ao comercio de proximidade

Os bonos Activa Comercio forman parte do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dentro do seu eixo 2 de dinamización e visibilidade do comercio, que busca revitalizar os establecementos de proximidade, mellorar a competitividade e fomentar o consumo local.

Nos orzamentos de 2026, ademais de reeditar esta iniciativa con 5 millóns de euros, inclúense 4 millóns para a transformación dixital, 4,5 millóns para modernizar as prazas de abastos, 2,7 millóns para dinamizar áreas de interese comercial e novas accións como o proxecto Vilas Vivas, destinado a revitalizar contornos comerciais singulares.

⚙ Configurar cookies
0.28616189956665