Rueda anuncia a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que mobilizará máis de 400 millóns de euros ata 2028

A Xunta impulsará unha folla de ruta para incrementar un 25 % o número de empresas innovadoras e atraer investimento privado ata os 1.500 millóns de euros, cun aumento do 60 % respecto ao escenario anterior.
rueda-ultreia
30 Dec 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que o Consello da Xunta acordou iniciar os trámites para poñer en marcha a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, coa que se prevé mobilizar máis de 400 millóns de euros nos vindeiros tres anos.

Segundo explicou Rueda, esta iniciativa busca situar a innovación no centro do desenvolvemento económico da comunidade e dotar de maior competitividade ao tecido produtivo galego. “Se queremos un tecido produtivo moderno e competitivo, a innovación ten que formar parte indisoluble do seu día a día”, subliñou.

A estratexia, que se prevé aprobar no primeiro semestre de 2026, contará cun proceso previo de diálogo cos axentes sociais e económicos. Tal e como indicou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, celebraranse encontros co sector para recoller achegas e consolidar Galicia como unha contorna capaz de transformar talento e coñecemento en solucións con impacto real na economía e na sociedade.

O obxectivo principal é incrementar nun 25 % o número de empresas que innovan en Galicia, actualmente máis de 1.750, e lograr que o investimento privado en innovación alcance os 1.500 millóns de euros. A Xunta pretende tamén atraer e reter talento cualificado, impulsar proxectos tractores e crear espazos de experimentación e desenvolvemento tecnolóxico, con especial atención ás pemEs.

Segundo explicou Lorenzana, a folla de ruta 2026-2028 mobilizará máis de 400 millóns de euros de fondos propios, o que supón un incremento próximo ao 60 % respecto ao escenario anterior. Estes recursos permitirán reforzar a cooperación público-privada, activar a innovación baseada en intelixencia artificial e avanzar cara a unha competitividade sostible e xeración de emprego de calidade.

Axudas e eixes da estratexia

A Estratexia estrutúrase arredor de catro grandes eixes: Retos da empresa innovadora, Estruturación, Financiamento e Transversalidade. Dentro do primeiro eixo, a Xunta destinará xa en xaneiro 40 millóns de euros ás liñas Industria Innova e IA360.

Industria Innova contará con 30 millóns de euros para apoiar proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en procesos e organización empresarial. Pola súa banda, IA360, dotada con 10 millóns de euros, impulsará proxectos vinculados á intelixencia artificial, tanto no desenvolvemento de tecnoloxías como na implantación de solucións comerciais, con prioridade para sectores estratéxicos de Galicia.

Un contexto de crecemento

En 2024, o gasto en innovación empresarial en Galicia acadou os 1.073,6 millóns de euros, cun crecemento anual do 30,4 %, o que supón 17 puntos máis que a media estatal. Galicia foi así a cuarta comunidade autónoma onde máis aumentou o investimento en innovación, un dato que, segundo a Xunta, avala o camiño emprendido para converter a innovación nunha palanca estrutural de crecemento económico.

Tras o inicio da tramitación da estratexia, a Xunta desenvolverá un calendario de reunións co Diálogo Social, constituirá unha Mesa Empresa Innovación e abrirá un proceso de recollida de achegas das entidades e axentes do ecosistema innovador.

⚙ Configurar cookies
0.24604797363281