Rueda anuncia a tramitación da primeira Lei galega de infancia e adolescencia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o inicio da tramitación do anteproxecto da primeira Lei galega de infancia e adolescencia, co obxectivo de “reforzar a protección e atención dos menores” e situar a infancia no centro das políticas públicas.
A futura norma, segundo avanzou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, prevé estar aprobada no segundo semestre do ano. Ata o momento, as disposicións relativas á infancia estaban recollidas noutras leis autonómicas, como a Lei de apoio á familia ou a Lei de impulso demográfico.
Entre as principais novidades destaca o impulso ao acollemento familiar como fórmula prioritaria de protección cando un menor non pode vivir coa súa familia de orixe. A lei regulará por primeira vez a dobre valoración das familias para acollemento e adopción, permitindo que un neno ou nena poida permanecer coa familia acolledora se finalmente se decide a súa adopción, priorizando o seu benestar e evitando rupturas afectivas.
Ademais, crearase un rexistro autonómico de familias acolledoras e adoptivas para mellorar a xestión e o seguimento destes procesos.
A norma tamén regulará as distintas medidas de protección á infancia e reforzará a coordinación entre administracións, xa que a Xunta actúa nos casos de risco grave ou desamparo, mentres que os concellos interveñen nas situacións de risco leve a través dos servizos sociais de base.
O Goberno galego abrirá nos próximos días unha consulta pública previa para recoller achegas da cidadanía, entidades sociais e profesionais do sector, co obxectivo de acadar o maior consenso posible arredor dunha lei que afectará a máis de 365.000 menores residentes en Galicia.