Rueda anuncia novas medidas en industria, vivenda, atención social e apoio ás familias para seguir proxectando unha Galicia en grande

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou no seu primeiro discurso no Debate sobre política xeral no Parlamento un conxunto de medidas centradas en impulsar proxectos industriais, ampliar a oferta de vivenda, apoiar ás familias e mellorar a atención ás persoas maiores e na sanidade pública.
Un dos anuncios máis relevantes foi o investimento de máis de 180 millóns de euros na próxima década para impulsar o sector aeroespacial, de seguridade e defensa en Galicia, clave para máis de 4.200 empregos. O plan baséase na colaboración público-privada, asesoramento ao tecido produtivo e a creación dun fondo de investimento específico.
Tamén pediu ao Goberno central que Galicia reciba os 1.300 millóns de euros que lle corresponden dos fondos europeos sen mobilizar, reclamando equidade no reparto.
En canto ás competencias, a Xunta solicitará a xestión dos permisos de traballo para persoas estranxeiras, alén de continuar coa transferencia da AP-9 e a cogestión do Ingreso Mínimo Vital.
Rueda avanzou ademais novas bonificacións fiscais por compra de libros e material escolar para fogares cunha renda per cápita entre 10.000 e 30.000 euros, cunha desgravación do 15% ata 105 euros por alumno.
No eido social, anunciou a construción de 24 novas residencias públicas para maiores, que sumarán 1.800 prazas en concellos de menos de 50.000 habitantes. Ademais, ampliarase a vacinación intranasal contra a gripe ata os 11 anos e pilotarase a súa administración nos colexios.
En vivenda, a Xunta lanzará un novo programa de axudas para rehabilitar vivendas baleiras destinadas ao alugueiro, cunha media de 12.000 euros por beneficiario. Mantense o compromiso de duplicar o parque público de vivenda ata as 8.000 unidades.
No apoio ao rural e o sector primario, crearase unha rede de centros de innovación agroalimentaria e lanzarase un bono de 50 euros para fomentar o consumo de peixe fresco, con descontos semanais durante dez semanas.
Finalmente, no turismo, a Xunta impulsará a formación de 800 profesionais, mellorará a sustentabilidade do Camiño de Santiago e lanzará axudas por 20 millóns para reformar ou crear novos establecementos turísticos. Tamén se reforzará a rede de CIM coa incorporación de catro unidades móbiles nas catro provincias.