Rueda anuncia preto de 3 millóns de euros para apoiar ás familias con fillos e fillas en Infantil e Primaria que utilicen comedores xestionados por Anpas, concellos e centros concertados

As novas axudas beneficiarán a preto de 20.000 alumnas e alumnos e moduláranse en función da renda familiar. O presidente da Xunta destacou tamén que os Orzamentos de 2026 incrementarán en máis de 90 millóns a partida para cubrir os pagamentos a novos dependentes.
AYUDA Comedor
16 Oct 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego creará en 2026 unha liña de axudas dotada con preto de 3 millóns de euros, recollida nos Orzamentos do próximo ano, para apoiar ás familias con fillos e fillas en Educación Infantil e Primaria que empreguen comedores xestionados polas Anpas, os concellos ou os centros concertados.

Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento, Rueda explicou que a medida busca aliviar os gastos das familias con menores nestas etapas educativas, lembrando que o Executivo xa colaboraba economicamente con estas entidades a través de diferentes fórmulas.

Estas novas axudas beneficiarán a arredor de 20.000 estudantes e moduláranse segundo a renda familiar:

As familias con rendas de ata 6.000 euros per cápita ao ano recibirán 150 euros.

As que teñan rendas entre 6.000 e 10.000 euros recibirán 100 euros.

A medida aplicarase nunha primeira fase xa durante o curso 2025-26 para os fogares con rendas de ata 6.000 euros e estenderase no curso 2026-27 ás familias con rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.

Rueda lembrou que esta iniciativa se suma a outras políticas de apoio como a gratuídade da educación desde as escolas infantís ata a universidade ou a FP, así como a dedución do 15 % no IRPF polo custo do material escolar e dos libros de texto para Primaria, Secundaria e Educación Especial, cun máximo de 105 euros por fillo ou filla. Esta última medida quedará recollida no proxecto de Lei de Orzamentos que o Consello da Xunta aprobará esta mesma semana.

Ademais, destacou que os prezos públicos dos comedores xestionados directamente pola Xunta levan anos conxelados, mantendo tarifas accesibles e adaptadas á capacidade económica das familias.

Plan de choque de dependencia

Durante a mesma sesión parlamentaria, o titular do Executivo galego salientou tamén que o Plan de choque de dependencia permitiu incorporar máis de 20.000 novas persoas ao sistema nun só ano e que os Orzamentos de 2026 incrementarán en máis de 90 millóns de euros a partida destinada a cubrir os pagamentos a novos dependentes.

⚙ Configurar cookies
0.31340003013611