Rueda anuncia que a Xunta autoriza o concerto social para a xestión do Programa Básico durante os próximos catro anos

A Xunta destina máis de 24 millóns de euros a tarxetas ou vales cos que as familias con fillos en situación de pobreza severa poderán mercar produtos básicos de hixiene e alimentación. O programa beneficiará arredor de 8.000 persoas en Galicia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello deu luz verde ao concerto social que permitirá a xestión do Programa Básico durante os vindeiros catro anos, co fin de “dotar de estabilidade e flexibilidade” esta iniciativa.
Trátase dun programa de carácter estatal, cofinanciado con fondos europeos, cuxo desenvolvemento recae nas comunidades autónomas e que busca seguir reducindo a taxa de pobreza en Galicia.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, salientou a aposta da Xunta por medidas pioneiras de apoio ás familias vulnerables, como a Tarxeta Básica que se implantou durante a pandemia e que beneficiou a 75.000 persoas.
“O Goberno central tomou como referencia este modelo cando puxo en marcha o Programa Básico o pasado ano”, indicou.
O concerto social estará vixente ata xuño de 2029, cunha investimento total de 24,1 millóns de euros. As tarxetas monedeiro que se entregarán ás familias terán unha validez de 12 meses prorrogables e as contías oscilarán entre 130 e 220 euros mensuais, segundo a composición familiar.
Estas tarxetas poderán empregarse nos establecementos colaboradores para a compra de produtos básicos de hixiene e alimentación.
As solicitudes tramitaranse a través dos servizos sociais municipais. A entidade social adxudicataria será a encargada da distribución das tarxetas, da información sobre os recursos dispoñibles e do acompañamento social ás familias beneficiarias, ofrecendo orientación sobre a xestión do orzamento doméstico e hábitos de vida saudables.
Segundo a conselleira, a previsión é que 8.000 persoas se beneficien este ano do programa, que en 2024 foi xestionado pola Cruz Vermella e executou a totalidade dos fondos asignados a Galicia.
A resolución coas bases do concerto publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, a continuación, abrirase o prazo de presentación de solicitudes.