Rueda anuncia que a Xunta incrementa un 50 % o orzamento do Bono Emancípate

A segunda edición do programa contará cun orzamento de 3 millóns de euros, un millón máis ca en 2025, e permitirá apoiar á mocidade nos primeiros gastos do fogar
Emancipate
10 Feb 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego incrementa un 50 % o orzamento do Bono Emancípate, cuxa segunda edición abrirá este venres, 13 de febreiro, o prazo de presentación de solicitudes.

Segundo explicou, a convocatoria do programa publicarase este martes no Diario Oficial de Galicia e conta cun orzamento total de 3 millóns de euros, un millón máis ca na edición de 2025, tras a elevada demanda rexistrada o pasado ano. A iniciativa foi avalada polo Consello da Xunta.

O Bono Emancípate está dirixido a persoas mozas menores de 36 anos e ten como obxectivo axudar a afrontar os primeiros gastos derivados de iniciar unha vida independente nun fogar propio, tanto en réxime de alugueiro como en vivenda en propiedade. As axudas están enfocadas á adquisición de mobiliario, artigos de decoración, obxectos de baño, menaxe de cociña, téxtil do fogar ou determinados electrodomésticos esenciais.

O presidente galego subliñou que esta medida complementa outras políticas da Xunta en materia de vivenda e dá resposta ás dificultades de acceso á emancipación da mocidade, apoiando non só o acceso á vivenda, senón tamén os custos iniciais que supón poñer en marcha un fogar.

Poderán optar ao Bono Emancípate aquelas persoas que cumpran os requisitos establecidos nas bases, entre eles non ter sido beneficiarias da axuda en 2025, contar cunha fonte regular de ingresos e que os ingresos anuais da unidade de convivencia non superen catro veces o IPREM (ou tres veces no caso de persoas sen unidade de convivencia). Tamén deberán ter nacionalidade española ou doutro Estado da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo e estar empadroadas na vivenda.

Así mesmo, esíxese ser titular dun contrato de alugueiro formalizado con posterioridade ao 30 de abril de 2025, cunha duración mínima dun ano, ou ter subscrito unha escritura pública de compravenda dunha vivenda tamén con posterioridade a esa data.

No caso das persoas que vivan en alugueiro, a axuda será de 1.500 euros, mentres que aquelas que adquiriran unha vivenda en propiedade poderán percibir ata 3.000 euros.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, desde o 13 de febreiro ás 9:00 horas ata o 30 de abril de 2026 ás 20:00 horas, salvo que se esgote antes o crédito dispoñible.

Unha vez concedidas, as axudas faranse efectivas mediante unha tarxeta monedeiro virtual ao nome da persoa beneficiaria, que deberá utilizarse antes do 31 de decembro de 2026 en compras realizadas en comercios físicos de Galicia.

Na primeira edición do Bono Emancípate, en 2025, presentáronse 3.718 solicitudes e a axuda chegou finalmente a 1.066 persoas, das cales 584 se emanciparon en réxime de alugueiro e 482 en vivenda en propiedade.

⚙ Configurar cookies
0.29527902603149