Rueda anuncia que Galicia será pioneira ao regular por lei o uso das novas tecnoloxías nas aulas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este 1 de setembro que Galicia “vai ser pioneira ao regular por lei o uso das novas tecnoloxías nas aulas” dos centros educativos. Será a través da futura Lei de educación dixital, que se aprobará tras un proceso participativo.
Segundo destacou, o obxectivo é consolidar un modelo educativo híbrido que combine papel e ferramentas dixitais para ofrecer ao alumnado a mellor formación posible. A idea é adaptar o uso das TIC á etapa educativa e ao grao de madurez dos estudantes.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP presentou hoxe un informe no Consello da Xunta para avanzar na redacción da norma, que nas próximas semanas incluirá reunións con expertos e coa comunidade escolar. Galicia aspira a converter esta lei nun referente tamén fóra da comunidade, ao ser a primeira Administración en elaborar unha regulación integral deste ámbito.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, resaltou que formar ao alumnado en competencias dixitais é esencial “para desenvolverse na sociedade actual dunha maneira segura, crítica e competitiva”. Ao mesmo tempo, insistiu en que a lei procurará un equilibrio con metodoloxías tradicionais, fomentando a convivencia e a responsabilidade compartida coa comunidade educativa.
Uso progresivo por etapas
En Infantil e nos dous primeiros ciclos de Primaria (1º a 4º), o uso das tecnoloxías será colectivo, priorizando a interacción manual e física.
A partir de 5º de Primaria, permitirase o uso individual de dispositivos dixitais, en paralelo ao programa voluntario E-Dixgal, dispoñible ata 4º da ESO.
En Secundaria, o foco porase na adquisición de competencias tecnolóxicas, así como no uso crítico, ético e responsable das TIC.
Papel das familias
A norma reforzará a corresponsabilidade das familias, con tutorías específicas e canles de información directa. O profesorado trasladará calquera sinal de alarma sobre un posible mal uso das TIC, garantindo un acompañamento axeitado.
Todos os medios dixitais quedarán recollidos nos proxectos dixitais de centro, e tanto familias como alumnado recibirán información clara e accesible sobre a súa utilización.