Rueda anuncia que Galicia solicitará ao Goberno central rebaixar a emerxencia a nivel 2 tras recuperar o 97% do subministro na comunidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Estrada que Galicia solicitará ao Goberno central a rebaixa do nivel de emerxencia a nivel 2, despois de recuperar o 97% do subministro eléctrico na comunidade.
Acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, Rueda explicou que manterá unha entrevista co ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, para formalizar a petición e que a xestión da situación volva estar en mans do Goberno galego.
O presidente agradeceu "a excelente coordinación" co Executivo central durante as primeiras horas da crise e recoñeceu o traballo dos profesionais que traballaron durante toda a noite para restablecer o subministro. Tamén destacou "o exemplo de civismo e comportamento" demostrado polo pobo galego durante unha situación que cualificou como "inédita e complicada".
Respecto á situación actual, indicou que xa están restablecidos 1.800.000 subministros e que se continúa traballando para recuperar a luz en 52.000 restantes. Todos os hospitais públicos dispoñen de electricidade con normalidade, e durante a noite recibiron combustible extra para garantir o funcionamento dos xeradores. Tamén se garantiu o fornecemento de osíxeno en tres residencias de maiores, e tres pacientes foron trasladados a hospitais por precaución.
Ademais, os teléfonos de emerxencia (112 e 061) operaron sen incidencias graves. Os centros educativos e as escolas infantís permanecen abertos para facilitar a conciliación das familias, aínda que sen actividade lectiva, decisión tomada para aforrar combustible durante a crise.