Rueda anuncia que Recursos de Galicia reducirá ata un 80 % a factura eléctrica aos fogares próximos ao parque eólico de Mondigo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que Recursos de Galicia formalizou a compra do parque eólico de Mondigo por 75 millóns de euros, converténdose no seu primeiro activo de xeración eléctrica renovable en propiedade.
Segundo explicou, os fogares situados nun radio de 1,8 quilómetros da instalación verán reducida a súa factura da luz ata nun 80 %, o que beneficiará a arredor de 500 familias. Trátase, subliñou, do maior esforzo económico realizado ata o de agora nun parque eólico en Galicia para mellorar a calidade de vida da veciñanza da contorna.
A medida enmárcase na Lei 2/2024, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que empregan recursos naturais de Galicia, coa finalidade de que o retorno económico quede no territorio.
A instalación consta de 11 aeroxeradores situados nos concellos lucenses de Ribadeo e Trabada, cunha produción anual estimada de 131 GWh. A liña de evacuación, de 4,9 quilómetros, discorre por Trabada e Barreiros. Na actualidade, o parque xa está a xerar enerxía de maneira regular.
Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que a adquisición garante que os beneficios da explotación permanezan e sexan xestionados en Galicia, reforzando a autonomía estratéxica da comunidade.
Lorenzana avanzou que nos vindeiros días habilitarase unha páxina web para que a cidadanía poida solicitar os descontos, que se aplicarán a través das comercializadoras eléctricas colaboradoras, incluída a propia de Recursos de Galicia. Unha vez comprobados os requisitos, a bonificación reflectirase directamente na factura.
Ademais, a Xunta prevé impulsar un plan industrial para abaratar tamén o custo da enerxía ás empresas da contorna.