Rueda anuncia un 30 % máis de axudas para que os concellos creen vivendas públicas en inmobles municipais

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou no Pleno do Parlamento de Galicia que o Goberno galego incrementará nun 30% as axudas destinadas a que os concellos pequenos e medianos poidan “rehabilitar inmobles municipais en desuso e dedicalos a alugueiro social”.
Durante a sesión de control, Rueda explicou que a nova convocatoria —que será aprobada este mes polo Consello da Xunta— financiará o 95% do custo das obras de reforma, e que todas as vivendas creadas a través deste programa terán carácter protexido de maneira permanente.
O titular do Executivo galego afondou na situación da vivenda pública en Galicia, lembrando o compromiso de duplicar o parque público ao longo da lexislatura, pasando das 4.000 ás 8.000 vivendas. Segundo indicou, en ano e medio xa están en marcha, en distintas fases de execución, preto de 3.000 vivendas novas.
Rueda destacou ademais que a comezos do próximo ano a Xunta entregará “as primeiras vivendas” desta nova etapa de impulso residencial, e reafirmou que o Goberno galego “vai seguir facendo vivenda, cumprindo compromisos”.
Entre as medidas que citou, mencionou o desenvolvemento de solo para 20.000 vivendas protexidas, o blindaxe do carácter social das vivendas construídas, a creación dos Proxectos de Interese Autonómico residenciais para reducir á metade os prazos de tramitación do solo destinado a vivenda protexida, así como as liñas de apoio para que os concellos poidan construír ou rehabilitar inmobles destinados a vivenda pública.