Rueda anuncia un novo plan para impulsar no rural a rehabilitación de vivendas e adaptar locais como fogares

As axudas poden chegar aos 30.000 euros por inmoble e deberán destinarse a uso habitual ou alugueiro durante cinco anos
Rural
10 Dec 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a posta en marcha dun novo plan destinado a impulsar a rehabilitación de vivendas e transformar locais baleiros en fogares nos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes.

A iniciativa, aprobada polo Consello da Xunta, contará cun investimento global de 5 millóns de euros ata 2027, dos que 3 millóns corresponderán á primeira convocatoria, que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia.

O programa busca favorecer a vida no rural mediante axudas para rehabilitar vivendas rematadas ou inacabadas, así como adaptar locais e entreplantas para o seu uso como fogar habitual ou para destinalas ao alugueiro. As achegas poderán cubrir ata o 75 % do orzamento protexido das obras, cun máximo de 30.000 euros por vivenda.

As actuacións subvencionables inclúen melloras en accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética, así como intervencións específicas para evitar ou eliminar o gas radón. O custo total poderá incorporar honorarios profesionais, proxectos técnicos, taxas e impostos asociados.

As vivendas rehabilitadas deberán destinarse a residencia habitual ou alugueiro a prezos tasados durante un mínimo de cinco anos. No caso das que se orienten ao alugueiro, estas pasarán automaticamente a integrarse no programa Fogar Vivo, destinado a incrementar a oferta residencial a prezos accesibles.

Poderán solicitar as axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias con ingresos inferiores a 6,5 veces o IPREM, salvo no caso de inmobles destinados ao alugueiro, onde este límite non se aplica.

O prazo de solicitude da primeira convocatoria abrirase cinco días hábiles despois da publicación no DOG e manterase vixente ata o 1 de setembro de 2026 ou ata o esgotamento do crédito dispoñible. As obras non poderán estar iniciadas antes da publicación da convocatoria e deberán executarse nun prazo máximo de 18 meses tras a concesión da axuda.

A Xunta sinala que estas medidas se enmarcan na súa estratexia para frear a despoboación do rural galego, apostando pola vivenda como un dos piares fundamentais para fixar poboación e revitalizar os pequenos municipios.

⚙ Configurar cookies
0.29179906845093