Rueda asegura en Lugo que o PPdeG mantén unha “política útil e pegada ao territorio”

A presidenta provincial valorou o anuncio de Renfe sobre a conexión con Madrid, o que considera un “engano, porque non incrementa frecuencias entre Lugo e a capital de España”
alfonso-rueda-pp-provincial
24 Mar 2026

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindica a “estabilidade”, a “moderación” e o “sentidiño” que ofrece o Partido Popular, que define como “a única alternativa” posible de goberno, poñendo o foco nas eleccións municipais de 2027, fronte ao “caos” xerado por Sánchez e os seus socios. Así, na Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo, resaltou a importancia de “non baixar os brazos” e “seguir traballando” en Lugo e en toda Galicia pola política “útil e pegada ao territorio”.

Durante a reunión encabezada por Rueda, xunto á presidenta do partido na provincia, Elena Candia, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o líder dos populares galegos aproveitou para lembrarlle á militancia de Lugo que España está inmersa nun ciclo electoral autonómico, no que os españois están a darlle a maioría ao PP, con comicios en Estremadura, Aragón, Castela e León e proximamente Andalucía. Por este motivo, puxo o foco nas próximas eleccións municipais, advertindo que en Galicia se parte dunha maioría absoluta “excepcional”, froito dun “intenso traballo” que hai que seguir “intensificando”.

Para Rueda a mensaxe nas urnas é que a xente “quere cambio” no Goberno central, cunha cidadanía cansada de “gobernos que non gobernan”, partidos que bloquean e esquerdas “totalmente alleas á realidade”.

O DECRETO DE SÁNCHEZ POLA GUERRA: “INVITO EU, E PAGAS TI”

O presidente do PPdeG destacou a xestión do Goberno galego con proxectos como a educación gratuíta desde a gardería á universidade, o esforzo histórico en vivenda para chegar ás 10.000 vivendas públicas en 2030 ou a sanidade pioneira con proxectos como un centro de protonterapia.

Rueda contrapuxo todas estas iniciativas populares coa xestión de Sánchez e os seus socios independentistas, que conforman “un Goberno irresponsable”, que “incumpre cada día os seus compromisos con Galicia e con Lugo, instalados no ‘non polo non”. Neste sentido, fixo referencia a proxectos paralizados como a A-56 entre Lugo e Ourense e o “freo” de PSdeG e BNG ao desenvolvemento da provincia.

Do mesmo xeito, afeou ao Goberno central a pouca seriedade en asuntos de interese nacional como o decreto de medidas fronte ás consecuencias da guerra, que para Rueda resulta ser unha especie de “invitou eu, e pagas ti”, afeando o “teatro” de Yolanda Díaz e Sumar. As propostas que venden, sen consensualas coas comunidades, van ser sufragadas en boa parte pola facenda autonómica, ao pivotar sobre impostos cedidos ás Comunidades Autónomas. En concreto, Galicia achegará 120,6 millóns de euros durante os 3 meses que, en principio, estarán en vigor. O presidente recriminoulle ao Goberno de Sánchez a “falta de lealdade institucional” e recordou que isto é “un esforzo compartido”.

ELENA CANDIA: “LUGO CONTINÚA SEN TER O QUE LLE CORRESPONDE”

Elena Candia fixo referencia as “reprobables” políticas do PSOE na provincia e do BNG “como extensión” en defensa das mulleres, poñendo como exemplo o ‘caso Tomé’ no que “pretenden dar leccións, pero non adoptan ningunha medida”. En materia de infraestruturas de comunicación e de conexión eléctrica, a presidenta provincial tamén insistiu en que o Goberno central “castiga á provincia co aplauso dos socialistas galegos e a complicidade do BNG”, algo que “lastra o desenvolvemento social e a competitividade empresarial da provincia”.

Ademais, a número un do PP de Lugo valorou o anuncio feito este luns polo presidente de Renfe en relación á conexión con Madrid porque “permite estar máis cedo na capital de España”; pero advertiu: “que non nos enganen. O que supón realmente é cambiar de hora un servizo xa existente que se suprime -o das once da mañá-; non incrementar frecuencias entre Lugo e a capital de España”. Deste xeito, “Lugo continúa sen ter o que lle corresponde” porque “só dispón de tres frecuencias de ida e as mesmas de volta en horarios que seguen sendo insuficientes”.

0.51800513267517