Rueda avanza que en 2026 estarán en marcha as 4.000 novas vivendas para duplicar o parque público galego

O presidente da Xunta adianta que Galicia alcanzará as 8.000 vivendas públicas en 2026 e chegará aos 100.000 dependentes atendidos
Rueda
17 Nov 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que en 2026 estarán en marcha as 4.000 vivendas comprometidas nesta lexislatura, o que permitirá duplicar o parque público galego e alcanzar as 8.000 unidades. Segundo precisou, ás 3.000 vivendas xa en execución sumaranse outras 1.000 ao longo do próximo ano, cunha reserva específica para a mocidade: o 25% das de venda e o 40% das de alugueiro serán para menores de 36 anos.

Tras o retiro de traballo do Goberno galego celebrado esta fin de semana en Meis, Rueda subliñou que Galicia conta cun “Goberno unido, coordinado e que cumpre cos seus compromisos”.

O Executivo autonómico trazou nestes días a folla de ruta para 2026, un ano marcado pola aposta pola I+G+i, a ciencia e a innovación galega. Entre as novidades destacan a posta en marcha da Fundación Galtia, destinada á atracción de talento, e o inicio da Fábrica de Intelixencia Artificial. Ademais, Galicia contará o vindeiro ano co primeiro centro de protonterapia da sanidade pública en España.

Na área social, o presidente marcou como obxectivo chegar aos 100.000 dependentes atendidos, advertindo do risco de bloqueo se prospera o recurso do Goberno central contra o plan de choque galego.

No ámbito normativo, prevese aprobar a primeira Lei de Educación Dixital, avanzar na nova Lei de Administración Local de Galicia e iniciar o desenvolvemento do Pacto pola Lingua xunto coa renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Tamén comezará a funcionar o Centro de Artes Dixitais.

En materia de vivenda, a Xunta comprará locais en desuso para convertelos en fogares e activará axudas para rehabilitar inmobles destinados a persoal dos programas de captación de talento.

Rueda destacou ademais que, tras asumir a xestión plena da costa, continuará a construción do Camiño do Litoral entre Ribadeo e A Guarda. En mobilidade e infraestruturas, en 2026 finalizarán as estacións intermodais da Coruña e Lugo, e avanzarán proxectos como as vías de alta capacidade Tui-A Guarda, Nadela-Sarria, Brión-Noia, Costa da Morte, Variante de Viveiro e a vía rápida cara A Lanzada.

No sector enerxético, a Xunta seguirá co plan de repotenciación eólica, que busca reducir o número de aeroxeradores de máis de 2.500 a arredor de 700 incrementando un 35% a xeración, sempre que “o Goberno central non o impida co seu recurso incomprensible”.

Ademais, investirase na mellora das bases aéreas e medios contra incendios, e Galicia reforzará a súa aposta polo turismo de calidade, incluíndo a futura regulación do turismo mariñeiro.

Rueda concluíu que “2026 ten que ser un ano grande para Galicia, preludio dun 2027 excepcional, o ano Xacobeo”, reafirmando o compromiso coa “Galicia Calidade da que cada vez máis galegos e galegas se sintan orgullosos”.

⚙ Configurar cookies
0.31988501548767