Rueda cifra en 476 euros o aforro medio por contribuínte na campaña da renda grazas ás deducións da Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que as medidas fiscais autonómicas consolidadas no IRPF permitirán un aforro medio de 476 euros a cada contribuínte galego na campaña da renda 2025.
Segundo explicou, as deducións aprobadas pola Administración autonómica suporán un aforro total de preto de 47 millóns de euros, nun contexto no que continúan vixentes as medidas de alivio fiscal impulsadas nos últimos anos para facer fronte á subida de prezos.
Rueda subliñou que estas medidas benefician especialmente ás rendas medias e baixas e lembrou que Galicia foi pioneira en equiparar fiscalmente as familias con dous fillos ás familias numerosas. Así, preto de 190.000 familias poderán beneficiarse destas deducións, que inclúen tamén axudas por nacemento, coidado de menores, discapacidade ou acollemento familiar.
Entre as novidades desta campaña, destacan as deducións vinculadas á vivenda, como a destinada á adecuación de inmobles baleiros para o seu alugueiro —cun 15% das cantidades investidas ata un máximo de 9.000 euros— ou unha dedución de 500 euros polo arrendamento de vivendas baleiras.
Tamén se incorpora unha dedución do 15% polos gastos en libros de texto e material escolar, cun límite de 105 euros por descendente, así como beneficios fiscais para persoas con ELA, afectados pola talidomida ou persoas que recibiron axudas polos incendios forestais de 2025.
Ademais, mantéñense deducións para investimentos en eficiencia enerxética, adquisición ou rehabilitación de vivendas, especialmente en cascos históricos ou aldeas modelo, así como incentivos para o investimento empresarial e a innovación.
A campaña da renda 2025 arranca este mércores 8 de abril. A Axencia Tributaria de Galicia (Atriga ofrecerá asistencia presencial, telefónica e por videochamada, cun equipo de 36 efectivos e seis coordinadores.
Ata o 6 de maio, a declaración só poderá presentarse de forma telemática. A partir desa data habilitarase a asistencia telefónica, mentres que a atención presencial comezará o 1 de xuño.