Rueda defende a proposta de reforma da PAU "para asegurar condicións máis xustas"

A norma incide no reforzo dos mecanismos para minimizar os erros e, no caso de que se producisen, dotarse dun sistema áxil e eficaz para poder resolvelos ou atallalos
exame-abau-selectividade
15 Jun 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que a a reforma da Proba de Acceso á Universidade (PAU) que impulsa a Xunta busca asegurar unhas condicións máis xustas para o alumnado galego de xeito que se blinde a igualdade de oportunidades ao tempo que se busca ofrecer maiores garantías, transparencia e seguridade na aplicación e desenvolvemento das mesmas. Así, apuntou, búscase “garantir, a través dunha maior participación e dunha maior coordinación, que os alumnos e alumnas galegas estean en igualdade de condicións cando menos que o resto dos alumnos que fan a PAU en toda España”.

O Consello da Xunta analizou hoxe o proxecto de acordo con medidas organizativas e de xestión para mellorar a organización e desenvolvemento da proba impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, no que se ten en conta o contexto estrutural marcado polo novo Real Decreto Estatal de 2024, así como o contexto conxuntural derivado dos fallos recentes constatados na aplicación das probas.

Rueda sinalou que “hai tempo que a Xunta de Galicia vén reclamando cambios nesta proba” e fixo fincapé en que “os erros detectados, evidentes nas probas este mesmo ano, amosan que hai limitacións no modelo actual e que pode ser mellorable”.

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou que a proposta coa que se traballou no Consello da Xunta busca mellorar a PAU “desde o diálogo, desde a tranquilidade e desde a sensatez” e informou que esta proposta “de xeito inmediato” se vai trasladar “para consensuala coas diferentes universidades”. Na súa intervención, apostou por “traballar conxuntamente pola igualdade de oportunidades dos mozos e das mozas galegas”.

Tal e como apuntou Román Rodríguez, desde o punto de vista estrutural, as medidas propostas polo Goberno galego acomódanse ao marco estatal establecido no Real Decreto de 2024. Este habilita á comunidade autónoma a revisar e adaptar a regulación autonómica da PAU. O obxectivo é asegurar unha maior coordinación entre a Administración Autonómica e as universidades, como xa fixeron outras comunidades de distintos signo político como Castela e León, Asturias, Castela-A Mancha ou Cantabria.

Así pois, a matriz do cambio é que Galicia se dote dun marco regulador máis claro, estable e eficaz no que o alumnado galego poida competir en igualdade de condicións co reto dos estudantes do estado.

Cómpre subliñar que os datos reflicten que os estudantes galegos obteñen resultados destacados nos diferentes índices estatais e internacionais, mentres que os seus resultados na PAU, derivados dunha maior dificultade da proba, non se corresponden con ese rendemento. De aí que o Goberno galego xa leve tempo traballando na implementación de medidas para unha proba máis homoxénea, que agora se materializarán a través deste desenvolvemento normativo.

Mecanismos para evitar e atallar riscos

Xunto a este contexto estrutural, cómpre ter en conta tamén o contexto conxuntural. A experiencia da convocatoria deste ano, marcada por diversos erros na elaboración de varios exames, evidenciou certas limitacións no funcionamento do modelo actual e unha falta de sistema de traballo definida e garantista que dea certezas e seguridade aos alumnos.

Neste senso, a norma incide no reforzo dos mecanismos para minimizar os erros e, en caso de que se produciren, dotarse dun sistema para poder resolvelos ou atallados de xeito rápido e eficaz.

Así pois, a Xunta dá un paso adiante para implicarse nunha maior corresponsabilidade coa PAU, a través da toma de decisións de maneira colexiada xunto coas tres universidades públicas galegas.

A reforma contempla a creación dunha nova estrutura de coordinación institucional integrada por unha Comisión Organizadora e unha Comisión Técnica, onde estarán representadas a Xunta de Galicia e as tres universidades públicas galegas.

A Comisión Organizadora, seguindo o establecido no real decreto estatal, será o órgano encargado de deseñar a gran arquitectura da PAU. Centralizará, por tanto, todas as funcións estratéxicas e será a encargada de establecer criterios comúns, supervisar o funcionamento dos grupos de traballo e garantir a aplicación homoxénea da normativa. Estará adscrita á Consellería de Educación e nela estarán representados a Xunta e as tres universidades públicas galegas.

Pola súa banda, a Comisión Técnica, que, á súa vez, formará parte da Comisión Organizadora, será o órgano que aglutinará o conxunto de tarefas operativas e loxísticas vinculadas á organización e desenvolvemento da proba.

Así pois, a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), a través desta Comisión Técnica, seguirá desempeñando as funcións que viña asumindo ata o de agora. Isto é, continuará sendo a responsable da elaboración, custodia, distribución e corrección das probas de acceso á universidade en Galicia. Deste xeito, mantense a experiencia acumulada pola CIUG durante anos e súmase a da Administración en proceso similares, ao tempo que se integra nun marco máis coordinado e estruturado que permita reforzar as garantías do sistema.

Máis peso do profesorado de Bacharelato

Un dos cambios centrais da proposta é a reforma do funcionamento dos grupos de traballo, responsables da elaboración dos exames, que actualmente son moi heteroxéneos no seu funcionamento e non existen criterios comúns que regulen de maneira detallada os procesos de deseño, revisión e validación.

Para iso, en primeiro lugar, simplificarase a composición destes grupos, que pasan a estar integrados por un máximo de dúas persoas docentes universitarios e ata catro representantes do profesorado de Secundaria ou da Inspección Educativa. A dirección destes grupos poderá recaer tanto en persoal universitario coma non universitario.

Así pois, os grupos de traballo pasarán a contar cun maior peso e unha participación máis activa do profesorado de Bacharelato, que conta cunha experiencia máis directa e coñece o currículo de Bacharelato e a realidade diaria das aulas, reforzando así a conexión entre os contidos impartidos e os exercicios propostos nas probas.

Deste xeito, promóvese a participación efectiva de todos os integrantes do grupo no deseño, revisión e validación das probas, e farano dun xeito colaborativo e en base a uns criterios comúns e unhas directrices previas.

Tamén se propón implantar un sistema de revisión por pares na elaboración dos exames. Isto é, unha dobre revisión das probas propostas co fin de incrementar a seguridade técnica das mismas e evitar a aparición de erros, sen que isto implique ningún cambio no modelo de exame ao que se enfrontará o alumnado.

Así pois, cada exercicio será supervisado inicialmente pola persoa que o redacta e por unha segunda persoa revisora. No caso de detectarse posibles melloras durante a elaboración, abrirase un proceso de revisión cooperativa ata alcanzar unha versión validada por ambas partes. Posteriormente, o exercicio será sometido a unha análise final pola dirección do grupo de traballo. O obxectivo desta medida é incrementar a seguridade técnica das probas e minimizar a aparición de erros, sen que isto implique ningún cambio no modelo de exame ao que se enfrontará o alumnado.

Bancos de exercicios

Incorpórase tamén a posibilidade de crear bancos de exercicios, un sistema verificado que se aplica xa noutros procesos selectivos de oposicións ou no exame MIR. Este banco estaría formado por modelos de exercicios ou de exames completos verificados que se poñen á disposición do grupo de traballo para elaborar o exame da proba.

Esta ferramenta contribuirá a mellorar a calidade técnica das probas, reforzar a trazabilidade dos procesos, distribuír de forma máis eficiente o traballo dos grupos e avanzar cara a unha maior homoxeneidade na dificultade, extensión e tempo de resolución dos exames.

0.37949395179749