Rueda defende unha nova lei de loita contra os incendios priorizando a protección da poboación

O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio.
O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais “ten case 20 anos” e “cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios”.
Nesta liña, o presidente salientou que se vai pasar “dun modelo de prevención máis ou menos homoxéneo para toda a comunidade a ter en conta medidas segundo o nivel de risco de cada zona ou as características dos terreos”. “A futura lei vai marcar un antes e un despois. Supón camiñar cara unha xestión integral do territorio”, engadiu a conselleira do Medio Rural, María José Gomez, quen explicou que a normativa seguirá o proceso de tramitación habitual, co obxectivo de “remitila o antes posible ante o Parlamento”.
Deste xeito, tal e como explicou Rueda, o anteproxecto introduce melloras substanciais tanto na protección da poboación e os seus bens como na operatividade dos servizos de extinción, pasando dun modelo de defensa reactiva a un de loita integral e xestión estratéxica do territorio. Apóstase por unha prevención baseada no risco, a vulnerabilidade, a estrutura do territorio, a diversificación das masas forestais, a xestión da paisaxe, a autoprotección e a creación de descontinuidades estratéxicas do combustible.
O texto legal incorpora novos conceptos, caso da interface urbano-forestal, que se define como aquel terreo urbano, de núcleo rural ou urbanizable con cuberta vexetal lindeira co monte. Nesta interface, establécese que a aplicación dos criterios para a xestión da biomasa e a retirada de especies será de directa aplicación e non subsidiaria, como así prevé a lei vixente en defecto da ordenanza municipal.
Así mesmo, poténcianse instrumentos como as paisaxes mosaico ou devasas. No primeiro caso, búscase crear descontinuidades estratéxicas de combustible mediante a configuración produtiva do territorio, e no segundo, establecer áreas delimitadas en puntos estratéxicos (corredores, eixes de serra) para frear grandes incendios mediante a implantación de actividades agrogandeiras ou plantación de frondosas autóctonas.
A delimitación das zonas estratéxicas de xestión afrontarase na planificación do sistema de loita contra os incendios forestais de Galicia. En particular, a lei contempla como contido do plan anual de loita contra os incendios forestais unha zonificación do territorio, sinalando as zonas de alto risco de incendio forestal e as zonas estratéxicas de xestión, así como as áreas de actuación singularizada e, de ser o caso, as paisaxes cortalumes. O Mapa de risco de incendios forestais constituirá unha ferramenta que servirá de base para tal planificación.
Distancias de xestión de biomasa
A futura lei recolle tamén a posibilidade de duplicar as distancias de xestión de biomasa en zonas estratéxicas, tanto nas denominadas faixas primarias (de protección de infraestruturas como estradas ou liñas eléctricas) como nas secundarias (núcleos de poboación e edificacións), en lugares onde o comportamento do lume sexa especialmente perigoso.
Así mesmo, cando o índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) sexa moi alto ou extremo, establécese a suspensión automática de todas as autorizacións de queima, prohíbese a súa utilización en áreas recreativas e refórzase a revogación automática dos permisos sobre o lanzamento de artefactos pirotécnicos. Tamén, coa mesma situación do IRDI, limítase o uso de maquinaria que xere chispas de 12 a 18 horas, agás que conte cun vixilante dedicado e un vehículo con cando menos 400 litros de auga e equipo de extinción.
Por outra banda, dótase aos axentes da autoridade (forestais, ambientais ou dos corpos e forzas de seguridade do Estado) da potestade de ditar ordes verbais de execución inmediata in situ, como o desaloxo de áreas recreativas ou o peche de camiños ante un perigo inminente, sen agardar a trámites administrativos.
Protección de puntos de vixilancia e auga
Outra medida novidosa ten que ver coa protección estratéxica de puntos de vixilancia e auga. Así, a rede de puntos de auga declárase infraestrutura de seguridade estratéxica, garantindo o acceso a calquera servizo de emerxencia, obrigando aos concellos a instalar tomas compatibles nas súas redes municipais e prohibindo calquera uso da auga almacenada que non sexa a extinción de incendios. Ao tempo, prohíbese calquera construción ou plantación nun radio de 50 metros arredor dos postos de vixilancia.
Tamén no eido preventivo, obrígase ás novas instalacións industriais e gasolineiras en terreos agroforestais ou na interface urbano-forestal a dispor dunha rede perimetral de hidrantes para a súa autoprotección e tomas de auga homologadas. Engádese ao réxime sancionador, como infracción moi grave, a falla desta rede obrigatoria.
No campo da colaboración con outras administracións e entidades, promóvese a cooperación activa de asociacións e comunidades de montes na vixilancia e detección e regúlanse as subvencións en especie aos entes locais, para que poidan adquirir vehículos e equipos. Así mesmo, autorízase a concesión directa de axudas por razóns de interese público, social e humanitario no caso de incendios “extraordinarios”.
Tendo en conta estes e outros contidos, a conselleira resaltou que o anteproxecto marca como obxectivos o de “establecer un sistema preventivo vinculado tanto ao territorio como á poboación; fomentar agricultura, gandaría extensiva, silvicultura e xestión forestal e potenciar especialmente a autoprotección na interfaz urbano-forestal”.
Deste xeito, pásase do modelo de faixas ao de risco territorial, de tal modo que a prevención deixa de concibirse unicamente como unha rede física de infraestruturas e faixas e pasa a organizarse segundo unha lóxica de risco, vulnerabilidade, comportamento do lume e estrutura territorial. Isto permite que as medidas preventivas poidan ser diferentes segundo o territorio e non exclusivamente uniformes.
Esta nova prevención apóiase en cinco piares. En primeiro lugar, a planificación do risco. O mapa de risco pasa a ter unha función central: debe integrar, entre outros elementos, a distribución de combustibles, frecuencia histórica de incendios, perímetros de lumes anteriores, factores meteorolóxicos e topográficos, comportamento previsible do lume e a vulnerabilidade dos elementos expostos. Ademais, serve de base para determinar zonas de alto risco (ZAR) e zonas estratéxicas de xestión. En segundo termo, a xestión da paisaxe, con figuras coma o mosaico, as paisaxes devasas, a agricultura, a gandaría e o pastoreo.
En terceiro lugar, a xestión forestal preventiva, fundamentada na diversificación, a compartimentación, a silvicultura preventiva e as frondosas autóctonas. O cuarto piar sería a protección de persoas e infraestruturas mediante faixas de seguridade, xestión da biomasa, retirada de especies, autoprotección ou hidrantes en novas zonas industriais. E, por último, a execución efectiva, con requirimentos, multas coercitivas, execución subsidiaria e actuación urxente.
En resumo e a modo de conclusión, a reforma legal supón unha maior integración entre política de incendios e política forestal e unha maior capacidade de planificación territorial preventiva da Administración.