Rueda destaca a humanización da sanidade na nova sala de espera de Oncoloxía do CHUS

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou a nova sala de espera do servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que entrará en funcionamento o vindeiro luns.
Durante a visita, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, profesionais sanitarios e representantes de pacientes, Rueda destacou que Galicia continúa avanzando tanto no tratamento como na prevención do cancro, apostando por un modelo sanitario centrado na humanización.
A Xunta investiu un millón de euros na transformación da terraza do hospital compostelán nun espazo máis acolledor, con vistas, novo mobiliario e maiores comodidades para pacientes oncolóxicos, familiares e coidadores. “Estes pequenos avances ás veces son máis importantes do que cremos”, afirmou o presidente.
Rueda lembrou que a humanización das salas de espera estase a levar a cabo ou está prevista en todos os hospitais de referencia do Servizo Galego de Saúde, con actuacións xa realizadas na Coruña e Lugo, en marcha en Vigo e previstas en Ourense, Ferrol e Pontevedra.
Avances no tratamento do cancro
O titular do Executivo galego enumerou algunhas das iniciativas impulsadas en Galicia, como a creación de hospitais de día oncolóxicos nos hospitais comarcais da Costa da Morte (Cee) e do Barbanza (Ribeira), a ampliación dos programas de cribado ou o proxecto Xenoma Galicia.
Tamén salientou o papel do centro de terapias avanzadas CAR-T, que este ano comezará a fabricar as súas propias terapias, e do centro de protonterapia, cuxas obras están próximas a rematar. Segundo avanzou, este último comezará a tratar os primeiros pacientes a finais deste ano ou principios do próximo, convertendo Galicia na primeira sanidade pública en ofrecer este tratamento.
Rueda agradeceu o traballo dos profesionais sanitarios e a implicación da Asociación Española Contra el Cáncer, así como o compromiso dos pacientes e das súas familias.