Rueda destaca en Lalín o impulso ao turismo no rural e o crecemento dos campings en Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o compromiso do Goberno galego coa diversificación da actividade turística por todo o territorio e co impulso de novos proxectos no rural durante a inauguración do camping Huttopia Caminos de Galicia, no concello de Lalín.
Durante o acto, Rueda sinalou que esta nova instalación e a súa contorna representan un exemplo do que definiu como “Galicia Calidade”, así como de iniciativas que “merece a pena apoiar” polo seu impacto no desenvolvemento do territorio.
O titular do Executivo autonómico puxo en valor o crecemento do turismo en campings, unha modalidade que, segundo indicou, “recoller todo o bo que ten Galicia”. Neste sentido, lembrou que dos preto de 9 millóns de turistas que visitaron a comunidade en 2025, arredor de 400.000 optaron por este tipo de aloxamento, o que supón un incremento do 74 % respecto a hai unha década.
Rueda destacou tamén o comportamento do xeodestino Deza-Tabeirós, que foi o que máis medrou en Galicia durante o pasado ano. Esta zona recibiu en 2025 preto de 86.000 visitantes, o que representa un aumento do 120 % en comparación co ano anterior.
O presidente galego incidiu en que a Xunta traballa para que o turismo xere riqueza e emprego de calidade en toda a comunidade e ao longo de todo o ano. Para iso, explicou que o Goberno autonómico conta con distintas liñas de apoio, como 4,5 millóns de euros en axudas directas para mellorar instalacións, impulsar a eficiencia enerxética ou eliminar barreiras arquitectónicas nos establecementos turísticos.
Ademais, tamén existen programas de apoio dirixidos aos concellos de menos de 10.000 habitantes, dotados con 2 millóns de euros, para mellorar infraestruturas turísticas municipais, así como iniciativas para fomentar proxectos vinculados á enogastronomía.