Rueda destaca o compromiso da Xunta coa vivenda ao impulsar 412 novos fogares públicos e 300 prazas residenciais en Santiago e A Coruña

O Goberno galego investirá máis de 80 millóns de euros en novas vivendas públicas, aloxamentos compartidos e dúas residencias xuvenís nas dúas cidades.
Vivenda Xunta
21 Jan 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este martes o compromiso do Goberno galego co acceso á vivenda, especialmente para estudantes e persoas menores de 36 anos, coa construción de 412 novas vivendas de promoción pública e 300 prazas residenciais en Santiago de Compostela e A Coruña. O conxunto destas actuacións suporá un investimento superior aos 80 millóns de euros.

En concreto, a Xunta promoverá 244 vivendas públicas en Santiago e 168 na Coruña, ademais de 150 aloxamentos compartidos no campus universitario de Elviña e dúas residencias xuvenís —unha en cada cidade— con 150 prazas cada unha, dirixidas a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos que, por motivos de estudo ou traballo, teñan que vivir fóra do seu domicilio habitual.

Para levar adiante estes proxectos, o Executivo autonómico convoca dous concursos de ideas arquitectónicas, xa publicados na Plataforma de Contratos de Galicia, co obxectivo de garantir “edificacións de calidade, ben deseñadas, ben pensadas e ben planificadas”, segundo sinalou Rueda. Esta fase inicial contará cun orzamento de 4,2 millóns de euros, dos que 1,9 millóns corresponden ao lote de Santiago e 2,3 millóns ao da Coruña.

No caso da capital galega, as actuacións desenvolveranse nunha parcela de 11.013 metros cadrados situada en Salgueiriños, actualmente destinada a estacionamento. O proxecto é posible grazas á recente modificación normativa impulsada pola Xunta, que permite transformar solos dotacionais en espazos residenciais ante a falta de solo dispoñible para vivenda pública na cidade.

Na Coruña, as vivendas e a residencia xuvenil situaranse no campus de Elviña, en terreos propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), cunha localización próxima á trama urbana.

O IGVS encargarase da urbanización das parcelas e da construción das vivendas e aloxamentos compartidos, mentres que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asumirá a execución das residencias xuvenís.

Rueda lembrou que a vivenda é unha das grandes prioridades da lexislatura e reafirmou o obxectivo de duplicar o parque público residencial ata acadar os 8.000 fogares. “Xa hai 3.000 vivendas públicas en distintas fases de execución e ao longo deste 2026 poranse en marcha as restantes para cumprir o compromiso adquirido”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.52192902565002