Rueda destaca o papel do turismo gastronómico na desestacionalización

O presidente da Xunta participou na inauguración do Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas, no rehabilitado Pazo de Quintáns de Sanxenxo, e defendeu a diversificación da oferta turística como clave dun modelo sostible e de calidade
Rueda
15 Dec 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou por continuar impulsando iniciativas turísticas que contribúan á diversificación da oferta e á desestacionalización da afluencia de visitantes, co obxectivo de avanzar cara a un turismo de calidade e sostible en Galicia.

Rueda fixo estas declaracións durante a inauguración do Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas, situado no rehabilitado Pazo de Quintáns, en Sanxenxo. Trátase dun proxecto promovido polo concello e financiado ao abeiro do Plan territorial do litoral, impulsado pola Xunta de Galicia e dotado con máis de 29,3 millóns de euros de fondos europeos Next Generation.

Durante o acto, o titular do Executivo autonómico puxo en valor a recuperación deste edificio histórico, destacando a importancia de “recuperar un pazo con todo o que supón a súa arquitectura e historia”, ao tempo que se lle dá un novo uso vencellado ao turismo e á gastronomía.

Rueda salientou que esta iniciativa reforza o turismo gastronómico, un segmento de alto valor engadido que xera un gasto medio superior ao doutros perfís turísticos e que actúa como un “expoñente perfecto de Galicia Calidade”. Neste ámbito, lembrou que a Xunta impulsa o turismo enogastronómico en toda a comunidade a través de distintos programas, como o plan específico para este sector, que conta cun investimento de 34,5 millóns de euros de fondos europeos.

En canto aos datos turísticos, o presidente destacou a boa saúde do sector en Galicia e defendeu un modelo no que “non sobra ninguén”, apostando por unha distribución máis equilibrada das visitas ao longo do ano. Ata o mes de outubro, Galicia rexistrou máis de 6,6 millóns de viaxeiras e viaxeiros, o que supón un incremento do 2,7 % respecto ao mesmo período do ano anterior.

Esta tendencia positiva tamén se reflicte no Camiño de Santiago, con preto de 529.000 peregrinas e peregrinos rexistrados en decembro, un 6 % máis que no mesmo período de 2024.

⚙ Configurar cookies
0.28867197036743