Rueda destaca o potencial do sector vitivinícola galego no 40 aniversario das bodegas Martín Códax

O presidente da Xunta puxo en valor o viño galego como un dos mellores representantes da marca Galicia Calidade e lembrou o esforzo transversal do Goberno galego para apoiar o sector vitivinícola.
Vino Galicia
26 Dec 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este luns o potencial do sector vitivinícola galego e reivindicouno como un dos mellores representantes da marca Galicia Calidade.

Fíxoo durante a súa participación no acto de conmemoración do 40 aniversario das bodegas Martín Códax, celebrado en Cambados, no que foi nomeado amigo de honra da cooperativa. No evento estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez.

Durante a súa intervención, o titular do Executivo autonómico puxo en valor a traxectoria de Martín Códax ao longo destas catro décadas, salientando a súa aposta pola profesionalización, a diversificación e o crecemento tanto dentro como fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Rueda destacou tamén a aposta transversal que está a facer a Xunta para impulsar o sector do viño galego. Neste senso, lembrou que os orzamentos autonómicos de 2026 destinarán 12 millóns de euros a liñas de axuda para a reestruturación e reconversión do viñedo, a promoción internacional e a elaboración e comercialización.

A estes apoios súmanse as accións do Plan Saborea Calidade Diferenciada, dotado con 10 millóns de euros, así como o impulso ao turismo enogastronómico a través do Plan de Sustentabilidade Turística, que conta con 34,5 millóns de euros, cofinanciados pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation.

⚙ Configurar cookies
0.26241898536682