Rueda destaca o Sistema Universitario Galego como piar do desenvolvemento económico e social

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu en Santiago a apertura do curso académico universitario e reafirmou o compromiso do Goberno galego cunha universidade pública, accesible e de calidade, cun plan de financiamento de 3.100 millóns de euros ata 2026.
Rueda Educacion
5 Sep 2025

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presidiu este xoves no Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela o acto de apertura do curso académico universitario do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Rueda subliñou o papel fundamental das universidades públicas galegas no desenvolvemento científico, social e económico da comunidade, e defendeu un modelo baseado no diálogo, o consenso e a planificación estable. Neste sentido, destacou que Galicia mobiliza para o período 2022-2026 un plan de financiamento de 3.100 millóns de euros, case 700 millóns máis que o anterior, sendo a primeira comunidade en acadar o obxectivo do 1% do PIB destinado a financiamento universitario.

O mandatario puxo en valor o mapa de titulacións con preto de 130 graos, adaptados á realidade dunha sociedade dinámica en transformación, así como os investimentos en infraestruturas, entre os que se atopan os novos edificios da Escola de Enxeñaría Aeronáutica de Ourense e da Facultade de Farmacia de Santiago. Tamén anunciou que Galicia destina 20,7 millóns de euros en infraestruturas científicas para 2025-2026, un 10% máis que no período anterior, e puxo en valor a Rede CIGUS e a próxima creación da Fundación GALTIA, orientada á captación e retención de talento investigador.

Rueda reivindicou, ademais, o modelo galego de universidade accesible, lembrando que Galicia é a única comunidade autónoma con matrícula universitaria gratuíta, que xa beneficiou a máis de 28.000 estudantes en dous anos, e con taxas conxeladas desde hai 14 anos, o que supón un aforro anual superior a 20 millóns de euros para as familias.

⚙ Configurar cookies
0.29642796516418