Rueda destaca que Galicia é pioneira ao prohibir a venda de bebidas enerxéticas a menores

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou que Galicia continúa “á vangarda en saúde pública” coa entrada en vigor, o vindeiro 7 de marzo, da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas.
Segundo explicou nun vídeo difundido nas redes sociais, a nova norma equipara as bebidas enerxéticas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco no relativo ás restricións de venda e consumo, polo que quedará prohibida a súa venda a menores de idade.
Rueda destacou que Galicia se converte así na primeira comunidade en regular esta materia co obxectivo de previr futuras condutas adictivas. No vídeo convidou á reflexión lembrando que moitas bebidas enerxéticas conteñen entre 160 e 240 miligramos de cafeína por lata, unha cantidade equivalente a consumir tres cafés de golpe.
Lei pioneira
A norma aborda tanto as adiccións con substancia como sen substancia (xogo, tecnoloxías…), combinando medidas de prevención e promoción da saúde co control da oferta.
Entre outras disposicións, non estará permitido fumar nin vapear en piscinas de uso público, marquesiñas de transporte público nin nun radio de 50 metros de centros docentes, sanitarios e edificios administrativos. Ademais, non se permitirá publicidade de bebidas alcohólicas nin enerxéticas na vía pública nunha área de 100 metros arredor de centros educativos e de protección de menores.
As sancións previstas poderán substituírse por programas de cesamento tabáquico, accións de concienciación sobre os efectos do alcohol ou traballos en beneficio da comunidade, reforzando así o carácter preventivo da lei.