Rueda destaca que o Centro de Protonterapia de Galicia marcará un antes e un despois no tratamento do cancro

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou a zona do búnker do Centro de Protonterapia de Galicia, onde xa se atopa plenamente instalado o acelerador de protóns Proteus One.
Segundo destacou, esta infraestrutura “marcará un antes e un despois no tratamento do cancro en Galicia” e converterá á comunidade na primeira sanidade pública de España en contar cun centro destas características.
O equipamento, financiado pola Fundación Amancio Ortega cun investimento de 28 millóns de euros, atópase xa instalado á espera do inicio das probas co feixe de protóns. O proxecto completo, que inclúe a edificación e a equipación, supera os 60 millóns de euros e conta con cofinanciamento da Unión Europea a través do Programa FEDER Galicia 2021-2027.
Rueda salientou que se trata dun dos maiores fitos da medicina oncolóxica de precisión en Galicia e definiuno como unha infraestrutura “punteira e innovadora”. “Non estamos en Houston, estamos en Galicia”, afirmou.
O centro prevé comezar a tratar aos primeiros pacientes a finais de 2026 ou comezos de 2027, cunha capacidade estimada de 250 persoas ao ano. Ademais de pacientes galegos, poderán ser atendidas persoas procedentes de Castela e León, Asturias e o norte de Portugal.
A terapia con protóns permite administrar radiación de maneira moi localizada, adaptándose á zona afectada e reducindo os efectos secundarios, especialmente relevante en pacientes con alta expectativa de supervivencia e en poboación pediátrica.