Rueda destaca un investimento de 10,6 millóns para levar cobertura móbil a 210 núcleos do rural galego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este martes o investimento de 10,6 millóns de euros destinado a ampliar a rede de telefonía móbil en 210 núcleos illados do rural galego, nos que residen máis de 5.000 persoas, a través dun proxecto que cualificou de “pioneiro en Europa”.
Durante unha visita á nova torre de telefonía instalada no concello ourensán de Leiro, Rueda explicou que esta actuación permitiu construír 68 novas torres e executar as acometidas eléctricas necesarias para mellorar a cobertura móbil e o acceso a internet en 55 municipios galegos. No caso concreto de Leiro, a nova infraestrutura dá servizo a 104 veciños e veciñas dos núcleos de Paredes e Sá.
A ampliación da rede foi posible grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Vodafone España. Os concellos encargáronse de ceder os terreos e identificar os núcleos con problemas de cobertura; a entidade pública Retegal asumiu a construción das torres, mentres que Vodafone dotou a rede do servizo de telecomunicacións.
Rueda subliñou que esta iniciativa forma parte da aposta do Goberno galego por garantir a igualdade no acceso aos servizos básicos en todo o territorio. “Isto é construír Galicia. Galicia Calidade tamén é garantir servizos básicos como as telecomunicacións, vivas onde vivas”, afirmou, incidindo en que a mellora da conectividade contribúe a fixar poboación no rural e a abrir novas oportunidades, como a atracción de persoas traballadoras en remoto ou nómades dixitais.
O presidente lembrou tamén que a Xunta leva anos reclamando ao Goberno central que a telefonía móbil sexa recoñecida como servizo universal das telecomunicacións, unha competencia estatal. Ante a falta deste recoñecemento, o Executivo galego solicitou autorización á Comisión Europea, que aprobou o proxecto e o incorporou como exemplo nas Directrices de axudas estatais para redes de banda ancha aprobadas en 2023, convertendo a Galicia na primeira comunidade en contar cunha liña de axudas europeas específica para ampliar a rede de telefonía móbil.