Rueda participa na apertura do curso académico universitario anunciando o deseño do novo plan de financiamento

O Sistema Universitario Galego (SUG) inaugurou este martes o curso académico 2026/2027 cun acto institucional celebrado na Universidade de Vigo, no que a reitora, Carmen García Mateo, puxo sobre a mesa as principais preocupacións compartidas polas tres universidades: o absentismo do alumnado, o desaxuste entre a oferta e a demanda de prazas e a necesidade de garantir un financiamento suficiente e estable. Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o novo Plan de Financiamento do SUG volverá incrementar os recursos públicos e permitirá alcanzar o maior investimento público no sistema universitario galego.
A apertura do curso tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e reuniu unha ampla representación dos ámbitos académico, político e social. García Mateo defendeu a necesidade de revitalizar os campus e consolidar unha universidade entendida como unha comunidade na que se aprende a pensar, argumentar, escoitar e convivir. A reitora reclamou tamén máis prazas no sistema público para evitar a perda de talento e o traslado de estudantes cara ás institucións privadas.
No seu discurso, a reitora da UVigo advertiu de que a caída demográfica non debe traducirse nunha redución de recursos. En relación co absentismo universitario, considerou que se trata dun fenómeno que debe analizarse con rigor e que non pode reducirse a unha suposta falta de compromiso dunha xeración. Entre as causas citou as condicións materiais de vida, o prezo da vivenda, a transformación no acceso á información e a expansión da intelixencia artificial xenerativa.
García Mateo defendeu que a resposta ao absentismo pasa por renovar a experiencia universitaria e ofrecer ao alumnado actividades e experiencias que non poidan ser substituídas por unha pantalla. Neste sentido, apostou por reforzar a vida nos campus mediante espazos de encontro, estudo e descanso, así como a cultura, o deporte, o asociacionismo, a convivencia entre titulacións e xeracións, os servizos e a mobilidade. «Un campus vivo non é un complemento ornamental da docencia. É unha condición de aprendizaxe», afirmou.
Outro dos problemas sinalados foi o desaxuste entre a oferta e a demanda de prazas. A reitora explicou que, na maioría das titulacións, as universidades públicas galegas non dispoñen de suficientes prazas para atender todas as preferencias do alumnado. Esta situación pode obrigar parte dos estudantes a escoller unha titulación que non é a súa primeira opción ou a recorrer á universidade privada cando as familias dispoñen de recursos económicos. Ao seu xuízo, isto debilita o sistema público, provoca a perda de expedientes académicos destacados e fai que a elección universitaria dependa cada vez máis da capacidade económica das familias.
A terceira gran preocupación abordada foi o financiamento. García Mateo considerou imprescindible contar con recursos suficientes para xerar coñecemento, formar profesionais, transferir coñecemento e acompañar o tecido empresarial. Tamén reclamou investimentos que permitan renovar infraestruturas, afrontar a transformación dixital, desenvolver políticas de persoal, impulsar a investigación e reforzar a proxección internacional das universidades.
A reitora defendeu que o novo Plan galego de Financiamento debe ser «suficiente, estable e ambicioso» e advertiu de que a súa negociación non pode entenderse como unha cuestión meramente técnica. Ao mesmo tempo, sinalou que o financiamento público debe estar acompañado de rendición de contas, transparencia, obxectivos claros e avaliación dos resultados. «Déanos os recursos necesarios e as universidades galegas responderemos con traballo, responsabilidade, transparencia e resultados», concluíu.
Alfonso Rueda recolleu esta petición e confirmou que a Xunta xa comezou a traballar no que será o sétimo Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego. O presidente asegurou estar convencido de que volverá alcanzarse un acordo entre as universidades e o Goberno galego e anunciou que o plan «volverá a medrar ata acadar o maior investimento público no Sistema Universitario Público de Galicia».
Rueda apelou á colaboración entre as universidades e a Xunta como fórmula para afrontar os retos do sistema. Neste sentido, citou os avances na descentralización dos estudos de Medicina, a nova PAU e o plan de infraestruturas. O presidente galego subliñou que un maior volume de recursos debe ir acompañado de máis compromiso, alcance, desenvolvemento e resultados, e destacou tamén o papel dos consellos sociais e das novas ferramentas das que foron dotados para reforzar a capacidade de xestión das universidades.
O titular do Executivo autonómico repasou outros desafíos, como o axuste do mapa de titulacións, a futura lei de ciencia e innovación, a remuda xeracional dos cadros docentes, a internacionalización, a captación e retención de talento, o plan de infraestruturas, a nova PAU e o proceso de descentralización dos estudos de Medicina. Sobre este último, agradeceu o traballo dos equipos reitorais e expresou a súa confianza en que a medida será un éxito.
Durante a súa intervención, Rueda reivindicou tamén o carácter público e accesible da universidade galega. Lembrou que Galicia mantén por terceiro ano consecutivo a gratuidade das matrículas universitarias para os estudantes que cumpren os requisitos e destacou que esta medida beneficiou o pasado curso a 30.000 universitarios. O presidente da Xunta mostrou a súa confianza en que a cifra aumente no curso 2026/2027 e lembrou que as taxas universitarias non aumentaron en Galicia nos últimos 16 anos.
O acto institucional comezou coa lección inaugural impartida polo catedrático da Universidade de Vigo José Cidrás Pidre, que repasou os máis de 125 anos de historia da electricidade baixo o título Enerxía eléctrica, sector eléctrico, mercado eléctrico e sociedade. A súa intervención percorreu a evolución desde os primeiros experimentos de Volta, Ampère, Faraday e Maxwell ata a actual expansión das enerxías renovables.
Cidrás abordou fitos como a iluminación das cidades, a electrificación da industria e dos fogares, a coñecida «guerra das correntes» entre Edison e Tesla, a creación das redes eléctricas e a liberalización posterior do sector. Tamén lembrou o papel de Galicia nesta evolución e destacou que o primeiro experimento español de iluminación eléctrica se realizou en 1851 na Universidade de Santiago de Compostela, mentres que Pontevedra se converteu en 1888 na segunda cidade española con iluminación pública eléctrica.
A lección inaugural tamén puxo o foco nos desafíos actuais do sistema eléctrico, marcados pola descarbonización e o crecemento da enerxía eólica e fotovoltaica. Cidrás referiuse igualmente ao apagamento do 28 de abril de 2025 e concluíu coa perspectiva de 2050, cando o obxectivo debería ser avanzar cara a unha descarbonización completa da sociedade mediante a electrificación dos consumos enerxéticos e o uso de fontes renovables.
O acto contou coa presenza dos reitores da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña, Rosa Crujeiras e Ricardo Cao, respectivamente, así como dos presidentes dos consellos sociais das tres institucións. Tamén asistiron representantes das administracións públicas, da política, do ámbito económico e social e da comunidade universitaria.
Entre as autoridades presentes estiveron o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; o presidente do Consello Consultivo, Andrés Lago, e o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez.
No ámbito universitario participaron tamén vicerreitoras e vicerreitores das tres universidades, responsables de escolas e facultades, varios exreitores e numerosos docentes e integrantes da comunidade universitaria. Entre eles estivo o profesor Jacobo Porteiro, candidato a reitor nas eleccións celebradas o pasado mes de maio.