Rueda pide ao sector da construción implicarse para acadar as 10.000 vivendas públicas en 2030

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, solicitou este xoves a colaboración e implicación do sector da construción para acadar o obxectivo de contar con 10.000 vivendas públicas en Galicia no ano 2030. Fíxoo nun acto organizado xunto coa Federación Galega da Construción, no que participaron representantes de empresas do sector.
Rueda subliñou que se trata dun obxectivo “concreto, medible e con prazos definidos”, e lembrou que ao compromiso inicial da lexislatura —duplicar o parque público até chegar ás 8.000 vivendas en 2028— súmase agora o reto de construír 2.000 vivendas máis nos anos seguintes, recollido no II Pacto pola Vivenda de Galicia.
No acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o presidente destacou que nunca houbo unha proposta “tan definida en investimento, tan clara en prazos e tan ambiciosa en cifras”, en resposta a unha necesidade social crecente de acceso á vivenda.
O xefe do Executivo galego sinalou que cumprir este obxectivo suporá un importante esforzo investidor e administrativo, así como unha elevada carga de traballo para as empresas construtoras. Neste sentido, avanzou que só en 2026 a Xunta prevé licitar preto de 2.700 vivendas de promoción pública, cun investimento aproximado de 500 millóns de euros.
Rueda insistiu en que a cantidade non debe ir en detrimento da calidade, indicando que a vivenda pública “non ten por que ser sinónimo de menor calidade”, e lembrou que a política de vivenda do Goberno galego inclúe tamén axudas á rehabilitación e ao alugueiro, beneficios fiscais e o desenvolvemento de solo residencial. Neste ámbito, a Xunta prevé habilitar solo até 2028 para 25.000 vivendas, das cales 20.000 serán protexidas.