Rueda pide colaboración ao sector inmobiliario para acadar as 10.000 vivendas públicas en 2030

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou á colaboración do sector inmobiliario e da construción para facer realidade o reto de alcanzar as 10.000 vivendas públicas en Galicia no ano 2030. Así o manifestou durante a súa participación na XXX edición dos premios da Asociación de Promotores Inmobiliarios da provincia de Pontevedra (Aproin), celebrada en Vigo.
Durante o acto, o titular do Executivo autonómico felicitou ás persoas responsables dos proxectos premiados, aos que puxo como exemplo da profesionalidade do sector na comunidade.
Rueda destacou o “esforzo inédito” que está a realizar o Goberno galego para incrementar a oferta de vivenda. Neste sentido, explicou que xa hai arredor de 3.000 vivendas públicas en marcha dentro do obxectivo marcado para os próximos anos.
No que respecta ao desenvolvemento de solo, indicou que a Xunta xa iniciou a tramitación de 12 Proxectos de Interese Autonómico (PIA), que permitirán urbanizar diferentes ámbitos nos que promotores poderán construír ata 25.000 vivendas, das cales 20.000 serán protexidas.
Para complementar estas actuacións, o presidente galego salientou tamén a aposta pola rehabilitación de vivendas, pola simplificación administrativa e pola incorporación de novas técnicas construtivas, como a industrialización, que permiten reducir os prazos e facer fronte á falta de man de obra especializada.
Precisamente sobre esta cuestión, Rueda lembrou que a Xunta xa está a impulsar medidas para formar profesionais do sector, tanto a través de programas de microformación como mediante a Formación Profesional.