Rueda pon en valor os Premios da Cultura Galega como símbolo do talento e a creatividade do país

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor os Premios da Cultura Galega como recoñecemento ao talento, á creatividade e ao esforzo das creadoras e creadores que levan a marca Galicia por todo o mundo.
Durante o acto de entrega dos galardóns correspondentes a 2025, o mandatario destacou o bo momento que vive a cultura galega, subliñando que se trata dun sector clave que representa o 3% do PIB e que dá emprego a máis de 35.000 persoas.
Neste sentido, lembrou algúns dos fitos recentes acadados por artistas galegos, como a candidatura aos Óscar da película Sirat, de Óliver Laxe; o Latin Grammy da pianista Isabel Dobarro; ou os premios nacionais acadados por Miriam Reyes, a compañía Pistacatro e a bailarina Janet Novás nas categorías de Poesía, Circo e Danza.
Rueda destacou tamén o compromiso da Xunta co impulso da cultura, cun investimento superior aos 110 millóns de euros nos orzamentos de 2026 para políticas culturais.
Durante a súa intervención, o presidente agradeceu o labor das entidades e persoas premiadas nesta edición. Entre elas, salientou os 75 anos de traxectoria de Editorial Galaxia na difusión da lingua galega; o traballo do mestre Antón Corral na recuperación da música tradicional; ou a actividade da asociación Sempre en Galicia na promoción cultural na diáspora.
Tamén foron recoñecidas a Bienal de Arte de Pontevedra, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Bodegas Martín Códax, a produtora Baños Films e as autoras e autores da campaña Aquí tamén se fala.
Finalmente, Rueda destacou a Ribeira Sacra como escenario do acto e amosou o seu desexo de que este territorio sexa recoñecido como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, cuxa avaliación final terá lugar no mes de xullo.