Rueda presenta en Madrid a nova campaña turística da Xunta ‘E se Calidade fose un lugar’

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, presentou este luns en Madrid a nova campaña de promoción turística que o Goberno galego lanza este outono baixo o lema ‘E se Calidade fose un lugar’.
Na súa intervención, Rueda salientou que a calidade en Galicia non é unha etiqueta, senón unha forma de ser presente nas tradicións, na sustentabilidade do patrimonio natural, na excelencia gastronómica e na hospitalidade do pobo galego. Lembrou que Galicia Calidade transcende o propio selo de recoñecemento e funciona como unha marca-país, que engloba produtos, cultura, paisaxe, experiencias e emocións.
O titular do Executivo explicou que o obxectivo é transmitir que Galicia non só é un destino turístico, senón unha experiencia que se vive todo o ano, combinando cultura, espiritualidade, gastronomía, natureza, aventura e benestar. A campaña quere tamén recoñecer o labor das profesionais do sector, que cada día crean propostas únicas para quen visita a comunidade.
No plano económico, puxo en valor a boa marcha do turismo galego. Entre xaneiro e agosto de 2025, Galicia recibiu máis de 4,7 millóns de viaxeiras/os, un 3,6% máis ca no mesmo período de 2024. As pernoitas superan os 8,7 millóns (+3,2%), os ingresos hoteleiros ascenden a 312 millóns de euros (+5,6%) e o emprego turístico sitúase en máis de 97.000 afiliacións á Seguridade Social (+1,6%). Estes datos, segundo destacou, confirman a consolidación de Galicia como un destino competitivo a nivel nacional e internacional.
Finalmente, agradeceu a implicación de axencias, operadores e hostaleiros, e incidiu en que a campaña constitúe o primeiro paso dun proxecto a longo prazo para seguir construíndo unha Galicia auténtica, que preserva a súa identidade e á vez se abre ao mundo cunha oferta turística de calidade.
A acción promocional terá presenza en máis de 100 medios nacionais, con insercións en televisión, prensa, radio e soportes dixitais. Prevese que alcance o 84% da poboación española, sumando máis de 45 millóns de impresións en internet, ademais de difusión en revistas especializadas e suplementos dominicais.