Rueda reclama axilizar a conexión de alta velocidade con Porto e reforzar a cooperación cultural e turística

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro institucional en Porto co alcalde da cidade portuguesa, Pedro Duarte, no que reclamou axilizar a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e o Norte de Portugal e reforzar a cooperación en ámbitos como o cultural e o turístico.
Rueda cualificou de “prioritaria e estratéxica” a infraestrutura ferroviaria de alta velocidade co país veciño, salientando a necesidade de avanzar tanto na modernización do tren Celta como na mellora do material rodante e, sobre todo, na execución da futura conexión de alta velocidade.
O presidente lembrou que a Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal conta con arredor de 6,4 millóns de habitantes e miles de traballadores transfronteirizos que cruzan a diario a fronteira, o que evidencia a estreita relación económica e social entre ambos territorios.
Neste contexto, reclamou maior participación dos territorios nas cimeiras anuais entre os gobernos español e portugués e instou ao Goberno central a amosar “máis vontade política” para cumprir cos compromisos en materia de infraestruturas.
Xacobeo 2027 e cooperación transfronteiriza
Durante o encontro tamén abordaron a preparación do Xacobeo 2027. Rueda subliñou o crecemento sostido do Camiño Portugués da Costa e convidou á cidade de Porto a participar activamente neste Ano Santo a través de iniciativas culturais e turísticas conxuntas.
Entre as posibilidades sinaladas figura o impulso ao novo clúster transfronteirizo de turismo, co obxectivo de reforzar a promoción internacional e aproveitar os vínculos culturais e lingüísticos históricos entre Galicia e o Norte de Portugal.