Rueda reivindica o papel clave da empresa familiar na economía galega

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou na gala do XXV aniversario da Asociación Galega de Empresa Familiar o peso decisivo deste tipo de compañías na economía galega e reafirmou o compromiso do Goberno autonómico coa redución da burocracia, o diálogo social e a formación para o emprego.
Rueda
19 Nov 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na gala do XXV aniversario da Asociación Galega de Empresa Familiar (AGEF), onde puxo en valor a contribución esencial destas compañías ao crecemento económico de Galicia. Tal e como lembrou, representan máis do 80% do emprego privado e achegan máis do 85% da riqueza xerada na comunidade, con máis de 40.800 millóns de euros ao PIB galego.

Rueda subliñou que a base familiar ofrece ás empresas “máis perspectiva, máis seguridade e unha maior implicación co país”, factores que, ao seu xuízo, explican a súa fortaleza e o seu impacto no desenvolvemento económico. “A empresa familiar é Galicia Calidade en estado puro”, afirmou.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta co impulso da actividade económica, especialmente do tecido empresarial familiar. Nesa liña, destacou medidas como a redución e axilización da burocracia —coa futura Lei de administración ambiental simplificada ou a Oficina Económica de Galicia—, o reforzo do diálogo social mediante un decreto para a súa institucionalización e a mellora da formación para o emprego, adaptándoa ás necesidades reais das empresas.

Rueda concluíu asegurando que os empresarios “xeran riqueza e emprego e explican en gran parte o futuro dun país”, ao tempo que recoñeceu o papel das compañías familiares na proxección da marca Galicia dentro e fóra da comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.31420111656189