Rueda renova o acordo da Xunta coa Fundación “la Caixa”, que aumenta un 15 % os fondos destinados a Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Fundación “la Caixa”, Isidro Fainé, asinaron esta tarde a renovación do acordo marco de colaboración entre ambas entidades en materia de acción social, investigación, educación e cultura.
Tal e como se destacou no encontro, a Fundación “la Caixa” destinará en 2025 un total de 15 millóns de euros ao desenvolvemento de programas e actividades en Galicia, o que supón un incremento do 15 % respecto ao ano anterior.
A prioridade do investimento será para proxectos de acción social destinados a mellorar as condicións de vida da infancia en situación de vulnerabilidade, favorecer o acceso ao emprego de persoas en risco de exclusión social, fomentar o envellecemento activo e saudable, así como ofrecer atención integral a pacientes con enfermidades avanzadas.
No acto tamén participou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García. Rueda agradeceu o intenso traballo da Fundación “la Caixa” en Galicia e puxo en valor o papel clave das entidades sociais, que colaboran coa administración pública de forma complementaria para chegar a máis persoas e necesidades.