Rueda resalta que o Bono Coidado no Fogar beneficia xa a 33.000 persoas e duplicou a atención no ámbito familiar

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Bono Coidado no Fogar beneficia xa a 33.000 persoas dependentes e permitiu duplicar o número de atendidas no ámbito familiar. A achega, de 5.000 € anuais por persoa, chega a catro de cada dez dependentes con prestación recoñecida.
Bono Cuidado
3 Sep 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou este 1 de setembro de que o Bono Coidado no Fogar chega xa a 33.000 persoas dependentes, un ano e medio despois da súa implantación. Esta cifra supón que Galicia duplicou o número de dependentes atendidos nos seus domicilios.

O balance, incluído nun informe da Consellería de Política Social e Igualdade avaliado hoxe no Consello da Xunta, lembra que esta medida consiste nunha axuda directa de 5.000 euros anuais para todas as persoas dependentes coidadas nos seus fogares por familiares ou persoas da súa contorna, independentemente do grao de dependencia ou do nivel económico.

Segundo destacou Rueda, “catro de cada dez dependentes galegos con prestación ou servizo reciben xa o Bono Coidado no Fogar”, o que confirma a súa boa acollida e que responde á preferencia da maioría da cidadanía por manterse no seu contorno e ser atendida por persoas de confianza.

O informe tamén sinala que en Galicia hai actualmente máis de 86.000 dependentes atendidos, o que supón unha cobertura do 98,6%, unha das máis altas do Estado. O obxectivo da Xunta é chegar ás 90.000 persoas atendidas antes de que remate o ano, o que suporá un importante esforzo orzamentario.

Rueda aproveitou para reclamar ao Goberno central que cumpra coa Lei de Dependencia e financie o 50% do custo dos servizos, xa que a súa achega non só está lonxe desa cifra, senón que mesmo descendeu do 40% en 2023 ao 34% en 2024.

⚙ Configurar cookies
0.20319294929504