Rueda sitúa Galicia como nodo europeo clave en intelixencia artificial

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que a futura fábrica de intelixencia artificial 1HealthAI consolidará Galicia como un nodo tecnolóxico estratéxico a nivel europeo. Así o indicou durante o acto de presentación desta iniciativa, liderada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e coliderada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Rueda destacou que se trata da factoría de IA máis especializada das 19 existentes en Europa, ademais de ser a terceira mellor valorada, cun investimento previsto de 82 millóns de euros. O proxecto contará coa participación das tres universidades públicas galegas, do centro tecnolóxico Gradiant, do hub Datalife e doutros axentes clave do sistema galego, estatal e europeo de I+D+i.
O presidente incidiu en que a adxudicación desta iniciativa a Galicia é un éxito colectivo, froito do traballo conxunto das administracións e do ecosistema innovador. Nese sentido, afirmou que supón tanto o inicio dun novo proxecto como a continuidade dun camiño xa iniciado nos últimos anos.
A fábrica de intelixencia artificial terá un enfoque One Health, integrando a saúde humana, animal e ambiental. Permitirá avances relevantes en ámbitos como a vixilancia de epidemias, a predición de biotoxinas nas rías, a medicina de precisión ou a detección temperá de incendios, ademais de xerar emprego cualificado e atraer talento.
Así mesmo, facilitará o acceso de startups e pemes a capacidades tecnolóxicas avanzadas, datos de calidade e acompañamento especializado para desenvolver solucións baseadas en intelixencia artificial, co obxectivo de que os beneficios repercutan no conxunto da sociedade e do tecido económico galego.
No ámbito da I+G+i, Rueda lembrou outros avances estratéxicos como o futuro novo datacenter do CESGA, cun investimento de 56 millóns de euros, a Lei galega de intelixencia artificial, en vigor desde abril e pioneira a nivel autonómico, a elección de Galicia como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) e a aplicación da IA en ámbitos como a sanidade, o emprego, a administración ou o medio rural.